Begoña Rodríguez Rumbo: “Criticamos ante o Consello de Contas a opacidade na xestión da Xunta”

Publicado por o día 31/01/2019 na sección de Política,PSOE

Begoña Rodríguez Rumbo: “Criticamos ante o Consello de Contas a opacidade na xestión da Xunta”

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou esta mañá na comparecencia do presidente do ente fiscalizador para presentar a Memoria de Actividades do 2017 a “opacidade” a hora de xestionar da Xunta de Galicia e acusou ao goberno de “incumprir a lei de transparencia” e “entorpecer o traballo dos deputados e o coñecemento da cidadanía”. Ademais acusou ao goberno galego, na comparecencia do Conselleiro Maior do ente fiscalizador para presentar a Memoria de Actividades do 2017 , de ignorar as “recomendacións” do ente fiscalizador.

A deputada socialista reprochaba que esta opacidade xeraba unha falta de información que impedía ao Parlamento “realizar o seu traballo de control” e aos cidadáns “coñecer o que está a facer o goberno”, lamentando que a Xunta se limite unicamente a “entorpecer”. Ante esta situación, reiterada no tempo, a responsable socialista reprochou que onte o Presidente da Xunta dixera que a oposición non respecta ao Parlamento “cando eles non o respectan o Consello de Contas”.

A parlamentaria socialista denunciou ao goberno galego de “ignorar as recomendacións” do ente fiscalizador, algo que tamén se reitera no tempo e que iniciativas socialistas tentaron solucionar propoñendo implantar algunhas destas, como por exemplo, un sistema contable adaptable e mais claro. Moitas destas iniciativas foron vetadas polo PP, argumentando que xa se votara a favor no pasado, e omitindo que “so se quedaron na mesa”.

Mais medios

Rodríguez Rumbo quixo agradecer o traballo desenvolto polo Consello de Contas “a pesares de contar cun persoal insuficiente” e celebrou os novos acordos que este ente alcanzou coa Fiscalía de Galicia, a Consellería de Educación e o protocolo firmado coa Xunta que recolle un listado de boas intencións que, espera, “se poidan materializar”. Manifestou tamén que desexa se poida expandir aos entes locais pois “é moi importante loitar contra a corrupción e abandonar a opacidade”.