Béisbol, expresión artística en inglés, e danza educativa, tres novas actividades extraescolares, sen custe para o alumnado, que comezarán este curso en Tomiño

O programa de actividades esténdese entre os meses de outubro de 2018 e xuño de 2019, e representa un investimento superior a 15.000 euros
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Tomiño

Béisbol, expresión artística en inglés, e danza educativa, tres novas actividades extraescolares, sen custe para o alumnado, que comezarán este curso en Tomiño

Un ano máis, o Concello de Tomiño financia un amplo programa de actividades extraescolares ao longo de todo o curso, nos distintos centros educativos do municipio.

Béisbol, expresión artística en inglés e danza educativa infantil son as tres novas actividades extraescolares, sen custe para o alumnado, que comezarán este curso en Tomiño.

Un total de 10 actividades extraescolares impartiranse, de xeito gratuíto, nos coles de Tomiño. no ano lectivo 2018-2019. Anque aínda non se coñecen as cifras definitivas de inscricións por centro e actividade, as disciplinas entre as que poden escoller os nenos e nenas dos colexios de Primaria de Tomiño, son multideporte, lingua de signos, imaxinacción (obradoiro de creación audiovisual), inglés, zumba, béisbol e cricket, expresión artística en inglés e danza educativa infantil. Estas tres últimas nunca foron impartidas nos centros educativos tomiñeses, polo que constitúen unha novidade fronte ás demais, que levan tempo gozando de boa aceptación.

O programa é unha iniciativa da Concellalía de Educación, na que participaron máis de 300 estudantes o curso pasado. Para a selección das actividades, tivéronse en conta as características de cada centro, a acollida entre o alumnado (mínimo de 10 persoas), e a vontade de incentivar a empregabilidade e o emprendemento, polo que se contactou con profesionais da zona directamente, non con empresas.

O programa de actividades esténdese entre os meses de outubro de 2018 e xuño de 2019, e representa un investimento superior a 15.000 euros.

A alcaldesa e responsable de Educación no Concello de Tomiño, Sandra González, salienta o afán de brindar cada ano as actividades extraescolares que os propios colexios solicitan, pero ao mesmo tempo, ofrecer unha proposta equilibrada e novidosa, rica en valores coma a cooperación, a tolerancia, e fomentando ademais a igualdade de xénero e de oportunidades. “Este programa tenta ofrecer accións formativas en igualdade, co propósito de que todo o alumnado poida asistir ás clases que elixa, sen que o custe das mesmas, sexa un impedimento para aprender e integrarse”, comenta.