Belagua Ediciones presenta “Poesía poética”

Un libro singular, que nace dun proxecto artístico común entre o pintor Xulio García Rivas e o poeta Antonio García Teijeiro.
Por o 20/06/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo
Belagua Ediciones presenta “Poesía poética”
Compartir en:

O Café Vitruvia de Vigo acolle o vindeiro día 22 de xuño ás 20:00 horas a presentación do libro “Poesía cromática”, publicado por Belagua Ediciones, resultado dun proxecto artístico común entre o poeta Antonio García Teijeiro e o pintor Xulio García Rivas.

“Poesía cromática” é un libro especial, de pintura e poesía, que reúne 40 pinturas e 40 poesías creadas ao longo de dez horas, entre os anos 2014 e 2016. Prologado pola poeta Eva Veiga, deste libro imprimíronse unicamente 200 exemplares, que se presentan ao público numerados e asinados polos seus autores.

Resúmese así a xénese do proxecto: un poeta e un pintor encérranse á mesma hora nun segundo e nun terceiro andar do mesmo edificio para crear. Catro sesión de dúas horas e media, que se realizan entre xullo de 2014 e novembro de 2016.

En cada sesión, ambos comezan o acto creativo. García Rivas pinta cinco acuarelas e García Teijeiro escribe cinco poemas. Deseguido, intercambian ambos traballos. As pinturas provocan emocións e sensacións no poeta. Os poemas, tamén, no pintor. Esas sensacións levan a pintar e a escribir novas acuarelas e novos poemas que, partindo das sensacións experimentadas polo que ven ou len, se fan independentes e toman corpo de seu.

Neste proceso non hai máis relación que a necesidade de crear en liberdade de dúas persoas que aman o acto creativo ata o máis fondo. Crean poesía con palabras e con formas e cores.

O resultado son dez pinturas (acuarelas na súa maior parte) e dez poemas por sesión. Sesións que se ven enriquecidas pola música –clásica, jazz, Beethoven, Bob Dylan, Luis Eduardo Aute, Leonard Cohen…– que soa mentres crean e que se ve reflectida nalgunhas mostras dos seus traballos.

“Poesía cromática”, reproduce os 40 orixinais, tal e como saíron das mans dos seus autores, sen correccións de ningún tipo, respectando a forza do inmediato, do espontáneo, case do automatismo, coa que eles mesmos traballaron. Unha publicación, en palabras dos autores, que leva consigo “o reto marabilloso de espertar emocións”.