Benítez priorizará a mellora do último tramo da estrada do Galleiro en Redondela

O deputado de Mobilidade reuniuse hoxe co alcalde e transmitiulle a intención de realizar un estudo para ver as posibilidades de actuación na estrada da estrada de Ventosela.
Por o 10/11/2016 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Redondela,Vigo
Benítez priorizará a mellora do último tramo da estrada do Galleiro en Redondela

A Deputación instalará máis de 20 lombos e redutores de velocidade e mellorará a sinalización horizontal das oito estradas provinciais no concello.

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde de Redondela Javier Bas para atender as demandas do Concello sobre as vías provinciais e subliñou que priorizará a mellora do último tramo da EP-2906, coñecida como Estrada do Galleiro, ata a rotonda de Santiaguiño por considerala “unha petición veciñal moi razoable” despois de que se executara una primeira fase de reforma.

No encontro, no que tamén estiveron presentes a segunda tenente de alcalde Carmen Amoedo e coa concelleira de Vías e Obras María José Barciela, o nacionalista explicou que no seu momento xa se reunira con representantes da asociación de veciños da zona de Vilar para falar das necesidades de continuar os traballos, polo que coñecía de primeira man a solicitude. Asegurou, así mesmo, que dado que o Concello tamén reclama a continuación da obra, esta será considerada prioritaria nas vindeiras actuacións da Deputación para o municipio de Redondela.

Por outra parte, no encontro de hoxe tamén se abordou a necesidade de actuar na EP- 2901 entre Cesantes-Viso- Alxán, que o deputado de Mobilidade se comprometeu a visitar en vindeiras datas. Trátase dunha estrada moi longa con diferentes puntos de falta de seguranza viaria, polo que a Deputación xa ten previsto construír en breve, ao abeiro do Plan MOVESE (Mobilidade e Velocidade Segura), varios lombos e redutores de velocidade de vehículos. A maiores destas actuacións, dende o concello solicitouse que se mellore unha intersección coa estrada estatal e que se realicen actuacións singulares -de xeito discontinuo- nos núcleos de maior concentración peonil.

Benítez puxo sobre a mesa a realización dun estudo integral para ver as posibilidades de actuación e reforma da EP-2900 entre Redondela-Ventosela, que ten máis de dous quilómetros e medio de lonxitude e presenta deficiencias. Tamén se abordou a necesidade de construción dun muro de contención na EP-2904 entre Redondela e A Portela, da que o deputado de Mobilidade confirmou a súa próxima execución xa que a obra está en fase de contratación.

Actuacións inminentes

O responsable de Mobilidade tamén lle adiantou a Javier Bas que durante este mes se lle trasladarán ao concello os proxectos dos máis de vinte de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade que se instalarán nas estradas provinciais para contar coa súa aprobación definitiva –o goberno local solicitara as actuacións hai meses ao abeiro do Plan MOVESE-. Benítez destacou que é fundamental a aposta pola seguranza viaria mediante o calmado do tráfico, xa que hai una relación demostrada entre a redución da velocidade e a baixada de número de accidentes e o número de feridos nas estradas.

Neste mesmo sentido, o deputado tamén destacou que, seguindo coas actuacións de mellora da seguranza viaria, a Deputación acaba de sacar a licitación a mellora da sinalización horizontal de todas as estradas provinciais en Redondela, para pintar aquelas que non tiñan marcas viarias e renovar o pintado das que están en mal estado (liñas lonxitudinais, zonas de aparcamento, illotes, cebreados e pasos peonís…). A actuación suporá a mellora de 47,9 quilómetros de marcas e ten un orzamento de saída de preto de 20.000 euros. “A nosa principal preocupación é a seguranza viaria e tan pronto entramos no goberno, os técnicos trasladáronnos a existencia dunha débeda histórica que había que solventar en toda a provincia en canto á sinalización horizontal”, dixo o responsable de Mobilidade.

Esta actuación de pintado englóbase nun plan integral de sinalización horizontal para toda a provincia que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros. Preténdense pintar máis de 2.577 quilómetros de marcas horizontais. Os traballos iniciaranse tan pronto o permitan as condicións climatolóxicas ou, como moi tarde, na próxima primavera, coa finalidade de que as estradas estean listas para o vindeiro verán.