Os produtos éticos de Galicia terán o seu propio espazo en Internet no que os consumidores poderemos acceder a bens e servizos coa garantía de que respectan ao medioambiente e os dereitos das persoas. Entre as características definitorias do proxecto, destacan as seguintes:
Benmercado.gal é unha inciativa pioneira a nivel estatal. “O Amazon da economía social e solidaria” segundo resume Ana Lorenzo, responsable do proxecto. Existen outras propostas que buscan aproveitar a rede para visibilizar o consumo ético e os produtos da economía social e solidaria, mais benmercado.gal é a primeira plataforma creada especificamente para potenciar e canalizar a venda en liña de produtos éticos.
Benmercado.gal está dirixida ao mercado galego. Garante que os produtos que ofrece son de proximidade e están feitos por empresas comprometidas coa creación dunha sociedade máis xusta e sostible.
Benmercado.gal facilita o contacto directo entre empresas produtoras e o público consumidor que busca produtos e servizos acordes coas súas ideas e valores. Non todas as empresas poden facer uso desta plataforma, benmercado.gal está dirixida a aquelas empresas galegas que funcionan con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios.
Benmercado.gal pode ser a pedra angular sobre a que se articule o futuro Mercado Social Galego. O Mercado Social é xa unha realidade noutras comunidades do estado como as Illas Baleares, Aragón, Cataluña, Navarra, Euskadi ou Madrid, mais ainda está por configurarse en Galicia.
O Mercado Social pretende satisfacer unha parte significativa das necesidades dos participantes dentro da rede de entidades, colectivos e persoas que conforman a economía social e solidaria. O Mercado Social está cimentado nas alianzas entre produtores, distribuidores e consumidores que comparten unha mesma visión da economía. No Mercado Social existen ferramentas que permiten visibilizar o esforzo colectivo e fortalecer as alianzas, como descontos, a utilización de moedas complementarias ou a realización dunha auditoría social.
O sábado 6 de outubro ás 11:00 da mañá presentarase a iniciativa do Mercado Social Galego e poderase coñecer de primeira man o funcionamento de Benmercado.gal no marco da Mostra do Posible na Alameda Nova de Cangas do Morrazo. En caso de chuvia as actividades trasladaranse á Casa da Cultura.
A Mostra do Posible é un encontro de Movementos Sociais e empresas de Economía Solidaria que terá lugar en Cangas do Morrazo o 6 e o 7 de outubro. A Mostra do Posible, que aglutina gran parte do tecido social galego, pretende visibilizar que son moitas as entidades que realizan propostas prácticas que permiten construír unha sociedade máis xusta.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.