Benvida ao Nadal en clave de rock e música clásica

A Orquestra Sinfónica Vigo 430 e a pianista Aysedeniz Gökçin adaptaron temas de Muse ou Queen
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Benvida ao Nadal en clave de rock e música clásica

O Nadal está xa a piques de chegar e o seu espírito era evidente este sábado no Auditorio Mar de Vigo no tradicional concerto que organiza a Universidade para darlle a benvida ás festas. Docentes, persoal e estudantado encheron o recinto para gozar da innovadora proposta da Orquestra Sinfónica Vigo 430, que presentou o espectáculo Symphonic Aysedeniz: a rock journey for piano and orchestra, un percorrido por algunhas das bandas máis senlleiras do rock das últimas décadas, como Muse ou Queen, en clave de música clásica, co que a agrupación celebra o seu décimo aniversario.

O proxecto Vigo 430 botou a andar en 2005 para crear unha agrupación musical de calidade na que tivera cabida a gran xeración de músicos novos saídos dos conservatorios da comunidade galega. Nos seus comezos o traballo centrouse na creación dun núcleo de orquestra de corda, que a partir do 2010, e xa co decisivo respaldo do Concello de Vigo, sería o xermolo da Orquestra Sinfónica. Tras estrear Symphonic Aysedeniz: a rock journey for piano and orchestra o venres no teatro Afundación, o sábado foi a quenda do Concerto de Nadal da Universidade de Vigo. Os preto de 50 integrantes da orquestra estiveron dirixidos por Carlos Rodríguez, nominado este ano nos Hollywood Music in Media Awards 2018 na categoría de Mellor Banda Sonora en Curtametraxe, coa colaboración especial da pianista turca Aysedeniz Gökçin como solista pero tamén implicada tamén no deseño deste programa musical e na adaptación das pezas.

O programa arrancou cunha homenaxe a Pink Floyd, con adaptacións de dous dos seus grandes éxitos, Wish you were here e Another brick in the Wall. De seguido, o rock setenteiro dos británicos deixou paso á única concesión á música clásica tradicional, o Concerto para piano e orquestra núm. 20 en re menor, K. 466 (primeiro movemento: Allegro) de Mozart. De seguido, a música regresou ao século XXI da man de Muse, banda tamén británica que ten apostado nas súas composicións por aproximar o rock progresivo ao mundo sinfónico. De feito, a peza escollida foi Exogenesis Symphony, unha sinfonía de máis de 12 minutos de duración que inclúe tres cancións: I. Overture, II. Cross pollination e III. Redemption. O protagonismo de Muse continuou coa adaptación de Butterflies and Hurricanes, do álbum Absolution, que deu paso a unha miscelánea de temas de Coldplay para pechar cunha das bandas máis icónicas do rock de todos os tempos, que nestes días están de moita actualidade pola estrea do filme biográfico Bohemian Rhapsody. Precisamente a peza homónima foi a que pechou o concerto de Nadal deste 2018.