Big Data e intelixencia artificial para que a cadea de subministro se adapte á industria 4.0

Coa participación de 200 persoas, entre profesionais e estudantes
Publicado por o día 22/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Big Data e intelixencia artificial para que a cadea de subministro se adapte á industria 4.0

A globalización económica e a industria 4.0 traen consigo retos, cambios de paradigma e a adaptación a novas tecnoloxías para todos os actores implicados no tecido industrial, incluíndo os departamentos de loxística e xestión da cadea de subministro. Sobre estas novas tendencias debateron este mércores no campus as arredor de 200 persoas, entre profesionais e estudantes, asistentes á vixésimo sétima edición do Seminario de Loxística.

O evento, organizado polo Grupo de Enxeñería de Organización, é en palabras do director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan E. Pardo, “un clásico, un punto de encontro onde temos a oportunidade de compartir experiencias que sirvan de inspiración nos nosos proxectos”, polo que felicitou ao profesor Jose Carlos Prado, responsable da organización. Pardo amosouse tamén moi satisfeito porque neste evento se dan cita moitos profesionais que no seu momento foron estudantes do centro, “e que hoxe están aquí tanto como poñentes como entre os asistentes”.

Esta edición centrouse nos retos da loxística na contorna da industria 4.0 e foron precisamente os representantes de consultoras como PricewaterhouseCoopers e empresas como GKN Driveline Vigo, Vegalsa-Eroski e Partenón os que achegaron as súas experiencias. O profesor José Carlos Prado poñía en valor a importancia de poder contar na xornada con profesionais que acheguen as súas experiencias neste ámbito, xa que o obxectivo é “compartir entre todos os que vivimos neste mundo da loxística, cuxo nome probablemente se non teña quedado un pouco vello” por todas as novas aplicacións e tendencias neste eido. Juan E. Pardo tamén puxo en valor a contribución de moitos egresados e egresadas da escola no éxito de “empresas da nosa comunidade e da nosa cidade”, ao tempo que lembraba que na industria de Galicia se dan certas características que fan que a loxística se teña desenvolvido dunha maneira destacada en sectores como a actividade portuaria, a pesca ou a madeira.

“O Big Data non é unha opción”

A primeira das conferencias, sobre a aplicación de Big Data na xestión das cadeas de subministro, correu a cargo de Aníbal Vian, egresado da EEI e actualmente Manager Supply Chain & Operaciones de PricewaterhouseCoopers (PwC), unhas das catro grandes consultoras e auditoras do mundo. Na súa intervención abordou a importancia do Big Data no ámbito da cadea de subministro das empresas en diferentes eidos, “xa que a loxística non se refire unicamente a cousas materiais, senón que moitas veces trátase de intanxibles que tamén se mercan en sectores como a banca”. Vian lembrou que a loxística ten cada vez máis presencia pero tamén está en constante cambio, adaptándose por exemplo ao uso das tecnoloxías Big Data ou á intelixencia artificial, que permiten a análise de grandes cantidades de datos e “están a cambiar o xeito de traballar dos que nos dedicamos á loxística”, polo que lle recomendou ao alumnado presente adquirir coñecementos neste campo.

Dende o punto de vista da cadea de subministro, explicaba, sempre subxacen dous grandes problemas ou retos de futuro: a velocidade e a precisión. “As decisións tómanse cada vez máis rápido e, ás veces, chegan a facerse tres planificacións diferentes cada día nunha empresa”, o que supón un enorme cambio de paradigma. A precisión, pola súa banda, é relevante porque “estamos nun momento de recursos escasos e non podemos malgastar”. Así, para poder traballar con velocidade e a precisión aposta polo Big Data, que permite o manexo e análise de gran cantidade de datos con rapidez para poder decidir con axilidade “onde producir, cando mercar, canto almacenar, etc.” Ademais, estas tecnoloxías de datos achegan maior visibilidade e transparencia o longo da cadea de subministro, algo “imprescindible na actualidade” e permiten enfrontar a volatilidade da demanda mediante unha xestión adecuada dos inventarios, “xa que cada vez os ciclos de planificación son máis curtos e os clientes menos fieis”, polo que existe moita flutuación.

Por todo isto, Aníbal Vian era contundente sobre o uso destas tecnoloxías de datos: “non é unha opción, non podemos renunciar a elas”, e ía un paso máis aló avanzando que “xa se comeza a falar da smart supply chain, a cadea de subministro intelixente, na que se toman decisións de forma autónoma por parte do propio do software. “Isto é xa unha realidade, aínda que moitas veces non o percibimos, pero empresas como Amazon xa o fan”.

Programa da xornada

Seguindo coa temática central da edición deste ano, Jorge Ortega, enxeñeiro de Loxística en GKN Driveline Vigo, presentou un relatorio titulado Una experiencia de implantación de AGVs para dar servicio a las líneas de produccción, centrado no emprego de vehículos de guiado automático nas cadeas produtivas das empresas. A xornada completouse coa intervención de Fernando Casal, director de Loxística en Vegalsa-Eroski, cunha conferencia sobre La logística de distribución en Vegalsa-Eroski. Actuaciones, retos y desafíos, e Miguel Carballás e Jorge Yañez, responsables de produción e I+D+i en Partenón, empresa galega líder no deseño e confección de vestiario técnico para corpos e forzas de seguridade. que explicaron o proceso de implantación e mellora de indicadores e captura de datos na compañía.