O blogtrip organizado pola Deputación polo Deza acada máis dun millón de impresións en 24 horas

Un grupo de bloggers coñeceron os principais recursos do Deza no marco da campaña “Somos historias” que este ano está a desenvolver a institución provincial con motivo do Ano Cultural do Patrimonio Europeo
Por o 19/02/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
O blogtrip organizado pola Deputación polo Deza acada máis dun millón de impresións en 24 horas

No marco da campaña “Somos historias”, a Deputación de Pontevedra vén de organizar un blogtrip polo Deza cuxo hashtag, #RutaDeza en Twitter, acadou, en soamente 24 horas, máis dun millón de impresións trala publicación de 40 tuits nesta rede social. Ao longo da xornada, as e os bloggers puideron coñecer o Mosteiro de San Salvador de Camanzo, visitar as adegas Castro Brey, degustar cocido con motivo do mes que lle rende homenaxe a este prato, visualizar os Xenerais da Ulla no campo da festa de Vila de Cruces, percorrera Fraga de Catasós e coñecer o Pazo de Liñares.

A Deputación de Pontevedra promoveu este blogtrip no marco da súa campaña de promoción turística “Somos historias”, posta en marcha neste 2018, Ano Cultural do Patrimonio Europeo. A acción, centrada na promoción do destino a través das redes sociais, tiña por obxectivo poñer en valor os recursos existentes no interior da provincia, impulsar unha imaxe de provincia vencellada ao turismo sustentable e desestacionalizar a demanda.

Máis polo miúdo, a través deste blogtrip, as persoas participantes puideron coñecer o patrimonio natural, gastronómico, enoturístico e cultural da comarca do Deza. Así, descubriron dous dos grandes atractivos da provincia de Pontevedra durante o mes de febreiro como son a Feira do Cocido de Lalín, que este ano celebrou as súas vodas de ouro, e os Xenerais da Ulla, con máis dun século de historia; ambos representantes do patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra.

Amais, o grupo tivo a oportunidade de pasear pola Fraga de Catasós, monumento natural, ou descubrir as Adegas Castro Brey, en pleno sistema fluvial Ulla-Deza, Rede Natura 2000. Deste xeito, descubriron o rico patrimonio natural da comarca do Deza, que conta cunha extensa Rede Natura.

En canto ao patrimonio histórico cultural, os recursos protagonistas deste blogtrip foron o Mosteiro de San Salvador de Camanzo e o Pazo de Liñares, onde as e os bloggers afondaron na longa e rica historia da comarca do Deza e da provincia de Pontevedra.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.