[BNG] 55 propostas para cambiar de rumbo

Publicado por o día 07/05/2015 na sección de BNG,Política

[BNG] 55 propostas para cambiar de rumbo

—UNHA CIDADE PARA TRABALLAR

01. Plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino.

02. Potenciación e redefinición do Plan municipal de emprego aumentando o seu orzamento.

03. Inclusión de cláusulas sociais en toda a contratación pública para protexer e garantir os dereitos da clase traballadora.

04. Creación do Observatorio local das condicións laborais e promoción da igualdade.

05. Utilización da fórmula de empresa pública municipal de servizos para a progresiva remunicipalización de servizos básicos e/ou de interese social.

06. Acrecentar a oferta de emprego público.

07. Posta en marcha dun Plan urxente de reindustrialización sustentábel.

08. Creación dun Centro metropolitano para o impulso das tecnoloxías e o I+D+i.

09. Declarar a cidade como zona saturada de grandes áreas comerciais e aplicar unha moratoria por dez anos na concesión de novas licenzas para este tipo de superficies.

—COMBATERMOS A POBREZA E O EMPOBRECEMENTO

10. Incremento das axudas de emerxencia social até cubrir o 100% da demanda e impulso de programas contra a exclusión social.

11. Creación dunha liñas de axudas municipais para atender o gasto farmacéutico de persoas enfermas crónicas ou sen recursos.

12. Mellora do Centro integral de inclusión e emerxencia social de cara a dispor dun albergue en condicións.

—A VIVENDA COMO DEREITO

13. Creación dun parque público de vivenda de aluguer con prezo social e promoción de cooperativas municipais de vivenda.

14. Aumento dos impostos municipais sobre as vivendas desocupadas que non se inclúan no parque de vivenda de aluguer social.

15. Medidas de apoio a persoas en risco de ser desafiuzadas e non sinatura de acordos con entidades bancarias que executen despexos.

—UNHA CIDADE DE IGUAIS

16. Creación de dous novos centros de información dos dereitos das mulleres en Coia e no Calvario.

17. Comprometer unha partida específica para a igualdade no orzamento de todas as concellarías ademais do presuposto propio da concellaría de igualdade.

18. Creación dun servizo de coordinación entre concellerías, organismos e entes municipais para garantir a transversalidade nas políticas de promoción da igualdade.

19. Posta en marcha dun Plan de apoio para os coidados, en colaboración con outras institucións.

—OPORTUNIDADES PARA A MOCIDADE

20. Reservar até o 30% da vivenda de protección para persoas menores de 30 anos.

21. Apertura de salas de estudo.

22. Rebaixa da tarifa do bono-bus estudantil e universitario e mellora da conexión do transporte público coa Universidade e do autobús nocturno.

23. Reapertura do Súbete ao Castro e creación dunha rede de espazos da mocidade nos barrios.

—IMPOSTOS MUNICIPAIS MÁIS XUSTOS

24. Unha fiscalidade municipal progresiva, facendo que pague quen máis ten e aliviando a presión fiscal sobre as persoas con menos recursos.

—MÁIS SERVIZOS PÚBLICOS

25. Remunicipalización progresiva dos servizos públicos privatizados, como a auga, o transporte ou a recollida do lixo.

26. Modificación do recibo da auga para que se pague por consumo real e penalice os consumo excesivo.

27. Reactivación da Oficina municipal de control das concesionarias, dotándoa dos recursos e medios humanos necesarios.

—MELLOR TRANSPORTE

28. Un novo plano de liñas do transporte colectivo para mellorar a conexión da cidade e desta coa universidade e as principais infraestruturas, aumentar as frecuencias e reducir as agardas a 10/15 minutos.

29. Bono-bus gratuíto para as persoas desempregadas sen prestacións, escasos recursos ou en risco de exclusión social.

—MÁIS ENSINO PÚBLICO

30. Implantación do Plan madruga nas escolas públicas para facilitar a conciliación.

31. Universalización do dereito a comedores escolares.

32. 800 novas prazas nas escolas infantís e ampliar os horarios e servizos que prestan.

—MÁIS SAÚDE E MÁIS DEPORTE

33. Desenvolvemento dos programas da Rede europea de cidades saudábeis.

34. Posta en marcha de programas de difusión de hábitos de vida e alimenticios saudábeis.

35. Fomentar a práctica deportiva e a dinamización das instalacións deportivas municipais.

—PARTICIPACIÓN CIDADÁ

36. Desenvolvemento dun novo Regulamento de participación cidadá, como medio para a creación de espazos de poder popular a través dos que a veciñanza poida participar directamente na toma de decisións.

37. Novo Regulamento orgánico do pleno municipal na liña de facilitar a fiscalización e control da acción de goberno, fomentar a pluralidade política e permitir a intervención de colectivos e movementos sociais.

38. Realización de iniciativas populares a nivel municipal, como medio para trasladar ao Pleno propostas e peticións sociais e veciñais.

39. Orzamentos participativos.

—UNHA ADMINISTRACIÓN TRANSPARENTE

40. Elaboración dunha ordenanza municipal de transparencia e libre acceso á información.

41. Control e acceso á información dos gastos de publicidade e propaganda, que deberan limitarse nun Plan anual de comunicación e publicidade.

—O URBANISMO AO SERVIZO DAS PERSOAS

42. Reformulación da Xerencia de Urbanismo, converténdoa nunha verdadeira axencia pública de desenvolvemento urbano.

43. Reactivación do Consello Sectorial de Urbanismo, como espazo de participación do tecido asociativo, o movemento veciñal, axentes económicos e colectivos sociais.

44. Avanzar na recuperación do noso litoral, achegando a cidade ao mar no Berbés e actuando para a recuperación do areal de Samil.

45. Intervención prioritaria na recuperación dos cascos históricos (Bouzas e Casco Vello).

—UN VIGO MÁIS VERDE

46. Elaboración dun Plan director dos residuos urbanos, que permita abandonar o modelo de Sogama, con base na redución, reutilización e reciclaxe.

47. Recollida diferenciada da materia orgánica e posta en marcha da compostaxe de materia orgánica nas zonas rurais e nos barrios urbanos con zonas verdes.

48. Declarar o río Lagares como espazo natural de interese local.

49. Facer dos nosos montes un grande parque forestal periurbano de ámbito metropolitano.

50. Aumentar a protección ambiental dos montes en man común.

—SOMOS CULTURA, TEMOS LINGUA

51. Promoción activa do galego, xeneralizando o seu uso social en todos os ámbitos e garantindo que sexa a lingua vehicular de toda a actividade municipal.

52. Estabelecemento dunha rede cultural nos barrios e parroquias.

53. Desenvolvemento do Plan de musealización e da Rede museística, ampliando horarios de visita e dinamizando os espazos expositivos.

54. Creación dunha rede de bibliotecas de barrio e posta en marcha dun plan municipal de animación á lectura.

—RECUPERAR A MEMORIA PARA TERMOS FUTURO

55. Restitución da memoria histórica eliminando a simboloxía fascista, a principiar pola retirada da “Cruz dos Caídos” do Monte do Castro.