BNG acada un acordo unánime para realizar un estudo e un plan de continxencia sobre a afectación de patoloxías diferentes á COVID

A nacionalista, Iria Carreira reclamou medios para garantir a atención sanitaria das patoloxías distintas a COVID entre as que destacou as enfermidades respiratorias crónicas, cardiovasculares, diabetes, cancro, patoloxías mentais, depresións ou cadros de ansiedade
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de BNG,Política

A portavoz de Sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira demandou a realización dun estudo para determinar a mortalidade e morbilidade en Galiza dende o inicio da COVID 19 porque a pandemia, dixo, tamén son  “probas complementarias e quirófanos non urxentes aprazados, presencialidade limitada e interrupción de coidados de patoloxías crónicas”. Neste sentido, exixiu “medios para garantir a atención sanitaria de todas as patoloxías”, distintas á COVID.

A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG para realizar un estudo e un plan de continxencia sobre a afectación de patoloxías diferentes  á COVID  acadou o apoio unánime da Cámara galega.

Sistema sanitario contra as cordas

Na defensa da proposición non de lei, Carreira lembrou que 1.700 persoas non superaron o virus e apelou a “non caer na rutina de ler estas cifras como un parte de guerra ou letanía de números”. Lamentablemente, dixo moitas das persoas afectadas continúan en Coidados Intensivos e terán que convivir coas secuelas desta patoloxía ás que haberá que sumar as consecuencias sociais e económicas. “Traballadoras obrigadas a confinarse, estudantes que non poden realizar os exames ou autónomas que pecharon o seu negocio”. Mais a pandemia tamén constatou que “o sistema sanitario está contra as cordas” e a piques de colapsar, con profesionais exhaustas, extenuadas, e cunha grande sobrecarga de traballo.

A parlamentaria fixo fincapé na cancelación e reprogramación de ciruxías non urxentes  ante a previsíbel falta de camas, “ a Consellaría de Sanidade deu a orde esta semana de suspender ou reprogramar operacións non urxentes en Compostela, Ferrol e na Coruña debido á preocupante situación nos   hospitais.”

Sobrecarga en Atención Primaria

A deputada subliñou que levamos  “un ano de improvisación”. Un ano no que a sanidade pública non se reforzou verdadeiramente para facer fronte ao reto que tiña por diante e no ámbito da Atención Primaria aumentaron as tarefas ao asumir unha gran carga burocrática pola limitación das consultas presenciais e  polo seguimento dunha boa parte das pacientes, tanto das positivas coma dos contactos. A deputada  afirmou que “a Central de Seguimento é un ente que non está funcionando ben, en ocasións  non detecta os contactos de cada paciente positiva, non envía os resultados que lle corresponden ou  directamente funciona excesivamente lenta”. Esta situación provoca a redirección ás médicas de Atención Primaria  que avalían os contactos, atenden ás dúbidas e preocupacións de moitas e moitos pacientes que descoñecen que medidas deben tomar ante un contacto cunha persoa positiva,  piden as PCR,  chaman para trasladar o  resultado e  fan o seguimento durante os 10 días de illamento. “Toda unha carga laboral que deixa ás profesionais sobrepasadas e á Atención Primaria ao borde do colapso”, recalcou.

A nacionalista lembrou que o Consello de Bioética de Galiza pronunciábase  nesta liña afirmando que “Darlle prioridade á patoloxía COVID repercutiu de xeito negativo na atención integral propia da Atención Primaria, en especial a dos pacientes con patoloxías crónicas, pois relegou a atención doutras enfermidades, suprimiu procesos asistenciais que se consideraron menos prioritarios e retrasou actividades de certa urxencia co risco de causar efectos colaterais graves para a saúde das persoas.”

Patoloxías graves que deixan de seren atendidas

Iría Carreira tamén aludiu á advertencia da OMS sobre a interrupción na asistencia sanitaria que provocará o aumento da mortalidade por causas diferentes á COVID a curto, medio e longo prazo. Interrupción ademais, con consecuencias importantes no caso de “patoloxía cardiovascular, enfermidades respiratorias crónicas, diabetes, cancro ou patoloxía mental”, onde diminuíron,  os diagnósticos e tratamentos.

No  caso do cancro, explicou Carreira,  existen estudos sobre o importante descenso  nas probas de detección temperá de neoplasias e diagnósticos. Segundo a Sociedade Europea de Oncoloxía Médica, a terceira parte dos tratamentos oncolóxicos de todo Europa víronse interrompidos e esta  diminución non se produce porque a enfermidade  diminúa, senón porque non somos quen de detectala no seu estadío máis precoz. Cando se detecta en “estadíos máis avanzados, o tratamento é menos eficaz, con maiores efectos secundarios e  menores taxas de curación”, advertiu.

As patoloxías diferentes á COVID non van a desaparecer, sentenciou a deputada  e por iso  urxe seguir realizando controis a diabéticos, curar as súas úlceras nos pés, atender aos cardiópatas, a pacientes con  EPOC e  a persoas afectadas de  enfermidades mentais e trastornos depresivos ou ansiosos.

Nesta liña vai a nosa iniciativa dixo, e precisamos saber en que terreo nos estamos a mover, cal é a situación de toda esta patoloxía que non se está atendendo e con que  recursos contaremos  polo que solicitou o apoio da Cámara galega á proposición non de lei do BNG que finalmente foi aprobada por unanimidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.