BNG agarda respota do goberno local sobre o desaloxo de tres familias, asulagamento na rúa Coruña e ocupación dun terreo en litixio coa Comunidade de Montes

Son algunhas das numerosas cuestións sobre as que preguntou o grupo nacionalista no último pleno e que aínda non recibiron resposta por parte do goberno de O Porriño
Publicado por o día 24/03/2017 na sección de BNG,Galicia,O Porriño,Política,Vigo

BNG agarda respota do goberno local sobre o desaloxo de tres familias, asulagamento na rúa Coruña e ocupación dun terreo en litixio coa Comunidade de Montes

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego plantexou na sesión plenaria do pasado 9 de marzo unha serie de preguntas sobre diversos asuntos de interese para a cidadanía do Porriño. Un deles, por exemplo, é sobre os asulagamentos producidos en decembro na rúa Coruña, logo de que se executaran obras de saneamento na lindeira rúa Pontevedra. Ao parecer os pozos de rexistro foron construidos a unha cota superior á debida, o que provocou un retorno das augas residuais cara varias vivendas da zona. O BNG quere saber se as obras finais se axustaron ao proxecto de execución, se houbo supervisión dos técnicos municipais, se a empresa adxudicataria ten responsabilidade nos asulagamentos e se xa foron resoltos os problemas dos veciños.

Tamén agarda o BNG unha resposta sobre o incumprimento da normativa urbanística na construción dun muro por parte dunha empresa no lugar da Escarabilleira. O peche da parcela que ocupaba a antiga Xeoane non garda o retranqueo esixido pola lei, polo que foi presentada unha denuncia urbanística. Actuou o goberno para repoñer a legalidade? Outro asunto polo que preguntou o grupo nacionalista é a acumulación de residuos nunha parcela situada a carón do colexio Antonio Palacios, en Torneiros. Parte deses residuos son depositados por empresas que prestan servizos para o concello e tamén por algúns servizos municipais así como por particulares. Procedeuse xa a limpeza dos refugallos? Considera o goberno que é o lugar axeitado, xunto a un colexio, para depositar tales residuos?

O pasado 28 de decembro a alcaldesa asinou un decreto para o desaloxo voluntario de tres vivendas no polígono III de Torneiros, dando un mes de prazo para que as vivendas queden baleiras nas mesmas condicións en que foron entregadas no 2009. O BNG quere saber se os servizos sociais municipais avalan tal decisión, en que situación quedarían as familias ou persoas afectadas, se teñen vivenda alternativa, e se no caso de non marchar de xeito voluntario, aplicará o concello o desafiuzamento administrativo.

O goberno presidido por Eva García de la Torre debe responder tamén por que e para que ocupou unha parcela en Atios cuxa propiedade está en litixio coa comunidade de montes.

Trátase do terreo en que estaba ubicada hai moitos anos unha empresa dedicada ao astillado de madeira. A parcela leva baleira case máis dunha década e agora o concello ocupouna sen informar á comunidade de montes de Atios. Por que actuou así e a que vai ser destinada?

Tamén preguntou o BNG sobre os contratos de arrendamento de parcelas privadas que ten suscrito o concello para aparcadoiros en superficie. Cantos, en que condicións e con que custo para as arcas municipais se manteñen eses arrendamentos? Sobre o Banco de Alimentos que funciona nun inmoble situado na rúa Domingo Bueno, quere saber o BNG en que condicións e a quen paga o alugueiro o concello. Mantense a confidencialidade dos usuarios e que criterios rexen para determinar quen son os beneficiarios do mesmo?

Outro asunto que motivou unha preguna do BNG está relacionada coa modificación da ordenanza de residuos sólidos urbanos, que implicou un cambio na taxa do lixo. Antes emitíase un recibo anual e agora pásase a cobro de xeito trimestral. A modificación foi aprobada en marzo de 2016 sen posibilidade de aplicarse de seito retroactivo. Aínda así, o ORAL emitiu recibos do 1o trimestre, que foron cobrados xunto aos do 2o trimestre. O BNG considera que ese recibo do primeiro trimestre foi emitido de xeito ilegal, polo que pregunta ao goberno se é consciente desa irregularidade e que fixo para corrixila. Por último, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reiterou no pleno do 9 de marzo unha pegunta formulada xa en plenos anteriores sobre a sinalización no treito da rúa San Sebastián onde está restrinxida a circulación só a residentes. Seguimos agardando unha resposta sobre as actuacións que o concello levou a cabo para mellorar a situación dos veciños afectados.

Son asuntos que consideramos de interese para a cidadanía do Porriño e que o goberno local debe aclarar antes do vindeiro pleno, pero seguimos agardando unha resposta.