O BNG amosa a súa preocupación polo subministro de auga nas parroquias de Redondela

Instan ao goberno de Javier Bas a poñer en marcha un Plan de Choque para atender as demandas veciñais.
Por o 24/08/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política,Redondela

A situación de restriccións no abastecemento de auga para consumo humano en varias parroquias do Concello de Redondela séguese con preocupación dende a organización nacionalista. Consideran que, malia que a xestión recae nas Comunidades de Usuarios e Usuarias, “o goberno municipal debe prestarlles toda a súa colaboración, posto que desenvolven un importante papel na xestión dun ben básico, como é a auga de consumo”.

No escrito asinado polo concelleiro, Xoán Carlos González, plantéxase que se convoque ás Xuntas Directivas e a representantes das forzas políticas “co fin de coñecer de primeira man a situación de abastecemento, as demandas das Comunidades e que se poñan os recursos necesarios para encarar o problema”. A seca está a afectar aos mananciais de distintas zonas de Quintela, Saxamonde, Cedeira ou Reboreda. Son as propias Comunidades quen están regulando o subministro, ben con restriccións no consumo diario, ben con cortes en determinados momentos do día.

Consideran dende o BNG que a seca manterase nas vindeiras semanas, ademais de que vai pasar bastante tempo ata que se recuperen os caudais. “Instamos ao goberno de Javier Bas á elaboración dun Plan de Choque de atención ás vivendas particulares, no que se recollan medidas no caso de que as restricións cheguen ao subministro municipal”.

Recalca o concelleiro nacionalista a necesidade de poñer en marcha medidas para paliar a falla de auga para o consumo humano que estamos a sufrir, o que supón que en moitas vivendas se restrinxa o consumo de auga potábel. “Parécenos moi ben que saquen a foto facendo obras, mais o prioritario agora é facer fronte a unha necesidade urxente, que cada vez pode chegar a máis veciños e veciñas, principalmente nas parroquias”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.