BNG apoia o persoal de Portos do Estado e exixe ao goberno español que respecte os dereitos laborais

A formación nacionalista solicitou a comparecencia do Ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para que dea explicacións sobre por que o Organismo autónomo está incumprindo o Convenio e demora a actualización retributiva dos traballadores e traballadoras. Néstor Rego visitou na sexta feira a representación sindical que está fechada nas dependencias dos Portos do Estado en Madrid para reclamar o cumprimento do Convenio colectivo.
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de BNG,Política

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou que o goberno español está a incumprir o III Convenio colectivo de Portos do Estado asinado cos sindicatos CIG, UGT e CCOO no ano 2019 e non está a actualizar as retribucións dos traballadores e traballadoras. Por iso, o BNG solicita a comparecencia do Ministro de Transporte, José Luis Ábalos en sede parlamentaria para que dea explicacións e exixe ao goberno que cumpra o acordo laboral pactado aplicando a suba salarial acordada co persoal público.

Rego mostrou o seu apoio aos traballadores e traballadoras durante a visita que realizou na pasada sexta feira á representación sindical que se encontra fechada na sede do Organismo autónomo e sinalou que a Administración Pública debe dar exemplo e ser a primeira en cumprir os convenios colectivos. “O persoal aínda non recibiu a actualización salarial correspondentes aos anos 2019 e 2020 e tampouco están percibindo o incremento salarial de 2,3% que corresponde ao exercicio de 2020, incremento que xa veñen percibindo desde 1 de xaneiro dese ano o resto dos empregados públicos”, indicou Rego.

Tras os recortes dos gobernos do Partido Popular, o persoal de Portos do Estado asinou este III Colectivo para pór fin a unha etapa que non permitía desenvolver plans profesionais e de produtividade. “Os servizos portuarios teñen que actualizarse en cuestións básicas como a seguridade, a aposta na mobilidade sustentábel… polo que non se entende que agora o Goberno de PSOE-Podemos incumpra un acordo que tamén posibilite facelo, mais aínda porque mesmo neste momento de crise o organismo autónomo é autosuficiente e cun importante resultado económico positivo.” afirmou Rego

Comparecencia de Ábalos en sede parlamentaria

Tras a reunión coa representación sindical, o BNG rexistrou a solicitude de comparecencia ante a Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Ministro José Luís Ábalos para que informe no Congreso sobre o que está acontecendo e explique por que existe unha negativa a autorizar a suba salarial pactada e tamén a que corresponde ao conxunto dos empregados públicos. O obxectivo do BNG con esta comparecencia é que a situación poida desbloquearse e o persoal de Portos do Estado vexa actualizadas as súas retribucións.