O BNG considera que a ampliación da AP9 é incompatibel coa activade escolar no colexio da Igrexa-Chapela

Luís Bará: “O único no que puxeron interese a Xunta e Fomento foi na posta en servizo da ampliación da AP 9 para que AUDASA faga caixa”
Por o 08/01/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Redondela
O BNG considera que a ampliación da AP9 é incompatibel coa activade escolar no colexio da Igrexa-Chapela

O deputado nacionalista Luís Bará denuncia os incumprimentos e enganos do goberno local, da Xunta e do Ministerio de Fomento

Considera unha irresponsabilidade a posta en servizo do carril de acceso á AP 9 en dirección Rande xa que os vehículos circulan a menos de 2 metros do colexio

Segundo afirmou Bará “O único no que puxeron interese a Xunta e Fomento foi na posta en servizo da ampliación da AP 9, inaugurada in extremis no último día hábil do ano para que AUDASA e o fondo Corsario fagan caixa”.

O BNG presentou hoxe varias iniciativas parlamentarias en relación coa situación do colexio da Igrexa en Chapela, que a xuízo do parlamentario nacionalista é insostíbel. Para Luís Bará, “a ampliación da AP 9 é incompatíbel coa actividade escolar”.

O deputado do BNG denunciou hoxe os reiterados incumprimentos do goberno municipal de Redondela, da Xunta de Galiza e do Ministerio de Fomento, que tiveron máis de tres anos para resolver a situación e non fixeron nada. Cómpre lembrar que logo da presión da comunidade escolar, en 2015 asinouse un convenio entre o Ministerio de Fomento, a empresa concesionaria AUDASA, o concello de Redondela e a Xunta de Galiza, para a construción dun novo centro educativo nun predio de aproximadamente 34.000 m2 situado no lugar de Cidadelle-Chapela. Segundo o acordo acadado, a empresa AUDASA comprometeuse á compra do terreo (propiedade da SAREB) e á construción do colexio dacordo coa normativa da consellaria de Educación (excluindo o mobiliario e equipamento). A administración municipal asumiu o compromiso de xestionar a recualificación dos terreos e a dotación dos servizos necesarios: acceso rodado, abastecemento e depuración de augas, subministro eléctrico e telecomunicacións. Segundo afirmou Bará “O único no que puxeron interese a Xunta e Fomento foi na posta en servizo da ampliación da AP 9, inaugurada in extremis no último día hábil do ano para que AUDASA e o fondo Corsario fagan caixa”.

Para o BNG trátase dunha actuación irresponsábel, que afecta gravemente á parroquia de Chapela xa que pon en risco a seguridade e a saúde da comunidade escolar e da veciñanza. E por se isto fose pouco, asistimos a unha nova burla e a un novo atropelo coa posta en servizo do carril de incorporación á AP9 desde Chapela en dirección Rande, que está pegado ao edificio escolar, cando había un compromiso verbal e un acordo parlamentario para pospoñelo en tanto non comezase a actividade no novo centro educativo.

Ante esta grave situación, o BNG volverá reunirse coa asociación veciñal e coa ANPA do colexio A Igrexa para informar de novas iniciativas parlamentarias tramitadas para comprometer ás administracións local, autonómica e estatal na axilización dos trámites para a construción do novo colexio da Igrexa en Chapela, co obxecto de que estea rematado para o inicio do curso escolar 2018-2019.

Asemade, a iniciativa do BNG ten como finalidade esixir ao Ministerio de Fomento que non se poña en servizo o carril de acceso á AP 9 desde Chapela en dirección Rande mentres non se faga efectivo o traslado da actividade lectiva ao novo centro.

Por outra parte, o deputado nacionalista rexistrou varias preguntas ao goberno galego coa finalidade de coñecer a opinión da administración educativa sobre a compatibilidade da ampliación da AP 9 coa actividade escolar no colexio da Igrexa. Tamén interpela ao goberno sobre as medidas aprobadas ou promovidas pola Xunta para limitar o impacto da ampliación da autoestrada na actividade escolar, e sobre os pasos que se deron desde 2015 para a recualificación urbanística da finca na que se prevé construír o novo colexio da Igrexa en Chapela.

Por último, o BNG pregunta para cando está previsto o inicio da actividade lectiva no novo centro.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.