O BNG considera que Eva García de La Torre tomou parte a favor das posicións empresariais de Madeiras Iglesias e non reclamou como debía un plan de viabilidade

Por o 27/10/2017 | Sección: BNG,Galicia,O Porriño,Política
Compartir en:

O acordo plenario do día 4 de outubro, a instancia do BNG, solicitaba do goberno municipal a súa mediación no conflito laboral de Madeiras Iglesias para “que iniciara os contactos necesarios coa dirección da empresa coa finalidade de frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e impedir o peche do centro de traballo do Porriño”, non para participar nunha asemblea de traballadores/as convocada polo empresario e alienarse coas posicións da empresa, coa finalidade de forzar a desconvocatoria das mobilizacións previstas.

Dende o Bloque Nacionalista Galego non comparten a mediación realizada pola alcaldesa do Porriño e o concelleiro de industria na asemblea do día 18 nas instalación de Madeiras Iglesias, porque o goberno municipal “deixouse utilizar pola estratexia da empresa de responsabilizar a plantilla de persoal e aos seus representantes sindicais da situación da empresa; de limitar a súa mediación simplemente aos pagos das últimas pagas extras pendentes e a un cumprimento mais equitativo da aplicacións dos ERE´s”,- que tamén era necesario-.

Pero non aproveitou a alcaldesa a súa presenza na asemblea para solicitarlle ao empresario, alí presente, que fora honesto diante do persoal e dos representantes do concello do Porriño e Mos, e que explicara con total transparencia, sen gardarse cartas na manga, “a situación real da empresa e a presentación dun plan de viabilidade que poida garantir a continuidade da empresa e polo tanto garantir os postos de traballo”.

O BNG non acepta, a posición da empresa cando supedita a viabilidade da empresa a continuidade dos expedientes de regulación de emprego , despois de sete anos de aplicación, como único plan de viabilidade. “Emprazamos ao goberno municipal a que convoque unha reunión cos representantes sindicais e a empresa , no prazo mais breve posible, coa finalidade de abordar a situación real da empresa e a súa viabilidade”.

A instancia do BNG o parlamento galego aprobou, o mércores 18 de outubro, unha iniciativa parlamentar, que foi aprobada por unanimidade, na que se demandaba que o “ goberno galego fixera as xestións necesarias ante a direccións da empresa Madeiras Iglesias coa finalidade de frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e procurar a viabilidade e continuidade da empresa”.

Desde o BNG demandan do goberno municipal que realice a xestións precisas ante o goberno galego para que se avance no cumprimento real de dito acordo e se consiga a viabilidade da empresa. E tamén do Partido Popular, que o seu apoio, a iniciativa aprobada no parlamento, non sexa en balde e fagan efectivo o seu compromiso para conseguir a viabilidade da empresa.