O BNG considera que non hai marxe legal para que Audasa aplique unha segunda subida da AP9 en 2018

Demanda unha investigación sobre os convenios asinados coa concesionaria en 2011 e 2013 e sobre as condicións laborais das obras de ampliación da autoestrada
Publicado por o día 02/01/2018 na sección de BNG,Política

O BNG considera que non hai marxe legal para que Audasa aplique unha segunda subida da AP9 en 2018

O BNG considera que en base ao convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e AUDASA en 2011 a concesionaria da AP9 non pode legalmente impoñer unha segunda subida das peaxes en 2018 máis aló da ordinaria que entrou en vigor co arranque do novo ano.

Así o explicou o portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, citando a literalidade do punto sexto do convenio, no que para o Bloque queda claramente establecido que un incremento extraordinario das tarifas, -nestes caso polas obras de ampliación-, “aplicarase simultaneamente coas revisións ordinarias de tarifas”, algo que non se fixo e, polo tanto, non pode haber unha nova subida das peaxes na AP9 ata 2019.

Bará tamén avanzou que o BNG vai pedir no pleno do Parlamento unha investigación sobre os convenios asinados entre o Ministerio de Fomento e AUDASA en 2011 e 2013, así como unha investigación das obras de ampliación tanto polo baile de cifras nos investimentos como polas condicións laborais totalmente abusivas, que mesmo teñen causado unha vítima mortal durante a ampliación de Rande.

Para levar a cabo esa solicitude de investigación a formación nacionalista recabará o apoio das outras forzas políticas da oposición, investigación que pode ser a través dunha comisión parlamentaria ou a través da realización dunha auditoría, ou mesmo a través da comisión bilateral da AP9 Fomento-Xunta. “Sería unha maneira de que demostrase que serve para algo”, indicou o deputado, “porque ata agora só é unha cortina de fume.

“Declaramos iniciada a batalla de Rande para pararlle os pés a AUDASA”, expresou simbolicamente o deputado por Pontevedra, insistindo en que o Bloque non renuncia a acabar coa estafa legalizada das peaxes, a reclamar descontos e bonificacións inmediatas nas tarifas, a conseguir a transferencia e xestión da AP9 ou a supervisar a calidade dos servizos que presta a concesionaria. Bará tamén advertiu que, pese a inauguración, as obras de ampliación non están concluídas.

“Foi unha inauguración irresponsable, escandalosa, unha provocación, porque as obras están sen rematar”, indicou, sinalando que a ampliación ten as pasarelas sen habilitar, carece de iluminación a través de farolas, non están executados os accesos á parroquia de Chapela, por exemplo, nin tampouco as obras de urbanización e redución de ruídos, pese a que afecta á calidade de vida da veciñanza e mesmo a servizos educativos da zona.

O deputado lembra que na inauguración non estiveron presentes as alcaldías dos concellos do Morrazo nin Redondela e acusou ao PP, ao Goberno central e a Xunta de favorecer os intereses da concesionaria como levan facendo nos últimos anos. “AUDASA desde Itínere co fondo especulativo americano Corsario como principal accionista exercen a piratería na Ría de Vigo para roubar o tesouro de Rande que, en contra do que parecía, non está no fondo do mar”, ironizou.

Á subida do 1,9% da peaxe súmanse os incrementos da factura da luz, gas, gasóleo, teléfono ou no servizo de correos, “todo sube, menos as pensións e os salarios”, indicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.