O BNG, considera “trato discriminatorio do goberno de Javier Bas, coa Batalla de Rande”

Publicado por o día 11/10/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Redondela

Noutros eventos de similares características o concello aparece como organizador e corre cos gastos. Afirman que o goberno pretende agochar a súa mala xestión.

A proposta de modificar 130.000€, vía plenaria, para cubrir áreas económicas esgotadas ao longo do ano, agocha segundo o BNG a deficiente xestión dos cartos públicos por parte do goberno municipal de Redondela. Centran a súa crítica os nacionalistas,no défice de 40.000 para limpeza de edificios públicos, “unha falla evidente de previsión, dun contrato de limpeza que o propio goberno elaborou e cuantificou”, malia as advertencias da oposición. Ante a obriga de teren que negociar cos grupos da oposición, os responsábeis municipais introduciron novos conceptos para forzar o apoio, destacan.

O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, considera que o alcalde de Redondela, faltou á súa palabra ao comprometerse a subvencionar a Batalla de Rande xa no mes de xaneiro, gastando os 200.000 euros en festas, partida de onde se debería sufragar esta actividade. Afirma “que estamos asistindo a un acto discriminatorio co colectivo organizador dunha actividade tan singular, pois noutros eventos similares, o Concello sufraga os gastos ao aparecer como organizador”.

Existen outras partidas que o goberno de Javier Bas vaise ver obrigado a negociar nas vindeiras semanas. “Exixímoslle que negocie unha por unha, para reconducir unha situación alarmante de malgasto dos cartos públicos”, rematan na súa nota.