O BNG continuará a empurrar desde Vigo o cambio que Galiza precisa

A fronte nacionalista valora negativamente os resultados obtidos na cidade, marcados por unha tendencia fortemente estatal, mais reafirma o seu comprimiso coas viguesas e vigueses que demandan unha mudanza real no país coa derrota de Feijóo nas próximas eleccións galegas.
Publicado por o día 27/06/2016 na sección de BNG,Elecciones 26J,Política

O BNG continuará a empurrar desde Vigo o cambio que Galiza precisa
  • Ana Miranda, candidata número 2, agradece o apoio das máis de 3.200 persoas que en Vigo apostaron en que Galiza recuperase unha voz propia en Madrid.

 O Bloque Nacionalista Galego reiterou o seu compromiso de seguir a empurrar desde Vigo o cambio que Galiza precisa. Con esa idea, a fronte nacionalista valorou os resultados obtidos pola candidatura BNG-Nós na cidade de Vigo. Uns resultados que xulgan negativos “ao non sermos quen de incidir suficientemente para reverter a tendencia de concentración de voto en chave estatal”.

Mantense a tendencia de resultados en chave estatal. O único cambio significativo nestes seis meses ten sido un trasvase de votos a favor das forzas do bipartidismo sistémico (PP e PSOE). Confírmase unha segunda volta na que lamentabelmente o PPSOE sae reforzado na nosa cidade” valorou Serafín Otero, responsábel local do BNG en nome da Comisión Electoral das nacionalistas en Vigo.

En primeiro lugar queremos agradecer o apoio das 3.200 persoas, que nun contexto nada favorábel para o nacionalismo galego e nuns comicios máis estatais que nunca, apostaron en que Galiza recuperase unha voz propia en Madrid, firme e non subordinada en defensa do país e das clases populares” asegurou Otero. Para o Bloque o feito de non teren obtido representación o pasado 20D supuxo un factor que penalizou de maneira importante o voto nacionalista.

No entanto, a organización local do BNG recolleu o chamado lanzado pola portavoz nacional, Ana Pontón, na valoración dos resultados, a respecto de comezar desde xa a empurrar desde o nacionalismo o cambio en Galiza. “Durante a campaña e tamén durante a xornada electoral de hoxe constatamos que hai moitas persoas que malia non votaren BNG nestes comicios, si que apostan en que o nacionalismo galego sexamos unha forza determinante no cambio que en outono se ten que producir en Galiza” defenden.

Neste sentido, a candidata número 2 de BNG-Nós ás eleccións xerais, Ana Miranda, mostrouse certa de que “o BNG non defraudará a todas as viguesas e vigueses, as galegas e os galegos, que saben que só o nacionalismo galego podemos garantir que a derrota do PP de Núñez Feijóo este outono se traduza nunha mudanza real. Nun cambio radical nas políticas antisociais, de recorte e antidemocráticas que impón a dereita.”

Miranda agradeceu o “inmenso traballo realizado pola militancia que puxo a cara por un proxecto que sigue moi vivo” nun contexto hostil á proposta nacionalista. “Temos que seguir traballando. Asumimos que os resultados non son positivos pero non imos renunciar a traballar por Vigo” valorou. “Hai demasiados problemas nesta cidade, demasiado paro para a xente nova, demasiadas grúas paradas no naval, demasiada pouca industria para que o Bloque renunciemos a seguir traballando por esta cidade. Polo tanto, alento para as eleccións galegas” concluiu nunhas palabras dirixidas á militancia congregada na sede comarcal da organización.