O BNG da comarca de Vigo chama a participar na caravana de coches deste sábado por unha AP-9 galega e sen peaxes

A fronte nacionalista realizará ás 11:00h deste sábado 26 unha caravana de protesta desde as diferentes localidades da comarca até a peaxe entre Vigo e Pontevedra, onde pagarán con moedas dun céntimo.
Por o 24/11/2016 | Sección: BNG,Política,Protestas,Vigo
O BNG da comarca de Vigo chama a participar na caravana de coches deste sábado por unha AP-9 galega e sen peaxes
Compartir en:

O BNG levará o seu reclamo dunha AP-9 galega e sen peaxes até a propia autoestrada. Na comarca de Vigo a fronte nacionalista realizará unha caravana de coches até as cabinas de peaxe entre Vigo e Pontevedra, onde como acto de protesta aboarán o importe en moedas dun céntimo.

A acción decorrerá este sábado 26 ás 11:00h e está enmarcada dentro da campaña que a nivel nacional está a desenvolver o Bloque dentro da súa ofensiva social e institucional para urxir a transferencia da AP-9 e rescate da actual concesión privada.

O obxectivo é poñermos o foco na estafa que diariamente padecen os e as 20 mil usuarias desta autoestrada, que teñen que facer fronte a unhas peaxes elevadísimas por faceren uso dunha infraestrutura que hai moitos anos que está amortizada”, explica o responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manuel Caride.

Caride salienta a boa acollida que ten recibido xa a campaña iniciada polo Bloque e chama ao conxunto da veciñanza da comarca a se sumar ao protesto do sábado. “O que comprobamos nos repartos informativos e nos actos públicos que realizamos na nosa comarca é que a fin das peaxes é un clamor masivo”. “Ninguén entende que a AP-9 non sexa xestionada desde Galiza e que siga en mans privadas”, acrecenta.

Desde o Bloque apostan na mobilización social para impedir que o Partido Popular finalmente vete en Madrid a iniciativa unánime do Parlamento de Galiza, na que se reclamaba a transferencia e rescate da autoestrada. “O Ministerio de Fomento xa amosou a súa oposición demostrando que o PP vota unha cousa en Galiza e defende o contrario en Madrid. Estamos certos de que rematar con esta aldraxe pasa por plantar cara con mobilización social”, explican.