BNG defenderá no Parlamento a reivindicación dun Bierzo integrado en Galiza

María González Albert afirma que a futura integración sería posible constitucionalmente e apela a abrir canles de colaboración entre ambas comunidades

A deputada do BNG, María Albert compareceu hoxe, xunto ao secretario xeral de Coalición polo Bierzo, Iván Alonso para presentar “por petición da Coalición” unha proposición non de lei no Parlamento galego co fin de  abrir un proceso de diálogo que explore as opcións de encaixe territorial do Bierzo, partindo do seu recoñecemento como provincia e a súa incorporación a Galiza.

A nacionalista explicou  que no 2021 celebrase o bicentenario do recoñecemento oficial do Bierzo, carácter que perdeu  anos máis tarde, e trinta anos  da constitución do Consello Comarcal do Bierzo.

Dende a chegada da Constitución do 78 diferentes formacións políticas  e movementos socias  demandaron a recuperación  de provincia e o seu encaixe no contexto estatal, ben como provincia sumada a Castela-León, como comunidade autónoma propia coas antigas provincias do Reino de León ou ben, “incorporándose a Galiza”.

A deputada  sumou a esta aspiración diversas enquisas para a analizar a vontade da cidadanía do Bierzo. Un  deses estudos recentes, explicou González Albert,  reflicte a opción  prioritaria “da unión do Bierzo a Galiza” como quinta provincia antes de incorporarse a unha hipotética comunidade de León e lembrou  que nos últimos anos varios concellos e parroquias bercianas solicitaran a súa integración en Galiza como Fonte de Oliva , opción vista con simpatía polo presidente da Xunta en declaracións públicas deste mesmo novembro, ou A Veiga de Valcarce.

Dende o  BNG e  Coalición polo Bierzo, afirmou entendemos que é preciso o diálogo entre as distintas administracións con responsabilidades sobre o territorio que compuña a antiga provincia de “Vilafranca do Vierzo”. Mesmo “a Constitución española admite a posibilidade de modificar os límites provinciais, variación que debe ser aprobada  polas Cortes Xerais”. Por outra parte, a lei de normalización lingüística recomenda a protección do goberno galego da “lingua falada en territorios limítrofes á comunidade autónoma e o Estatuto de Galiza posibilita establecer acordos de cooperación e convenios con outras comunidades autónomas.

A  realidade, recalcou a nacionalista constata que as comarcas do Bierzo,  Valdeorras e zonas limítrofes coa provincia de Lugo, manteñen “importantes vínculos  a nivel de infraestruturas, turismo, emprego, sanidade, organización territorial, que moitas veces son resoltas con ineficacia por pertenceren a dúas CC.AA diferentes”.

A iniciativa, dixo, busca o recoñecemento  do Bierzo a ser  nunha provincia e non  pechar ás portas, “no caso de que a vontade libre da sociedade do Bierzo optase pola incorporación a Galiza” así como reforzar o  diálogo coa Junta de Castilla y León e  Consello Comarcal do Bierzo para  establecer pautas de colaboración institucional en ámbitos diversos e de interese recíproco.

Ademais, a proposición non de lei tamén  demanda que se formalice un foro estábel, de coordinación e diálogo sobre asuntos que atinxan ao Bierzo, Valdeorras e franxa oriental de Lugo.

Coalición polo Bierzo defende a incorporación do Bierzo a Galiza

Pola súa banda, o secretario Xeral de Coalición polo Bierzo e voceiro no Consello da Comarca de O Bierzo, Iván Alonso  agradeceu a disposición do BNG a defender na Cámara galega  o Bierzo como provincia e a súa posible incorporación a Galiza. Alonso tamén aludiu a moción aprobada o  26 de xaneiro no pleno do Consello Comarcal para  instar á Xunta de Galicia e á Junta de Castela e León a celebrar actos conmemorativos do Bicentenario e  realizar estudos sobre a mal chamada fronteira administrativa que marxina ambas rexións. Estudos en ambos territorios desde o punto de vista das infraestruturas, sanidade, culturais, lingüísticas, económicas e educativas, etc.

Non se trata de “tirar ou soltar”, en alusión a unha frase do escritor Fernández Morales para describir a situación política berciana do século XIX, sobre as relacións de Galiza e Castela, “ trátase de que os bercianos falen e se teña en conta a súa opinión, poñendo en marcha todas as artes democráticas e constitucionais”, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM