O BNG demanda ao Goberno municipal que atenda as demandas dos colectivos sociais acampados na Praza do Concello

Urxen o Concello a mudar radicalmente a súa política social e atender as necesidades do colectivo sen teito.
Publicado por o día 15/03/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG demanda ao Goberno municipal que atenda as demandas dos colectivos sociais acampados na Praza do Concello

Esta cuarta feira, o BNG mantivo un encontro con representantes da asemblea de colectivos sociais que desde hai 27 días realiza unha acampada reivindicativa na Praza do Concello. Na xuntanza, en representación da fronte nacionalista asistiron o responsábel local, Serafín Otero, e mais o responsábel comarcal, Manuel Caride.

Os colectivos sociais trasladaron as súas demandas, que se resumen no reclamo de que se poñan en marcha políticas que atallen as dificultades para acceder á vivenda e que poñan fin aos desafiuzamentos. Ademais, volven exixir que a cidade se dote dun verdadeiro centro de integración social que atenda as persoas sen teito. Neste sentido, denuncian as graves eivas que presenta o chamado “albergue municipal”, que non ofrece unha atención integral nin suficiente.

Por parte do BNG, o responsábel local, Serafín Otero, trasladoulles aos colectivos acampados o “total apoio” da fronte nacionalista a súa acción reivindicativa. “É lamentábel que haxa que chegar a acampar directamente na porta do Concello para que o Goberno municipal se decate dunha vez das graves necesidades sociais que hai na cidade”, lamentou Otero, quen criticou duramente a negativa do alcalde, Abel Caballero, de se xuntar coas organizacións sociais. “É intolerábel que despois de case un mes acampadas, o alcalde continúe a negarse a se sentar nunha mesa con activistas que coñecen de primeira man a situación real da cidade”, aseverou.

O Bloque reitera a súa demanda dunha “mudanza radical” na política social do Concello de Vigo. Neste sentido, demandan  que o Goberno municipal impulse de maneira decidida que se amplíe a oferta de vivenda social e que con carácter inmediato se reforce o departamento de benestar social “con todo o persoal necesario”, para evitar que ningunha persoa “fique sen ser atendida por falla de medios”.

Una respuesta para "O BNG demanda ao Goberno municipal que atenda as demandas dos colectivos sociais acampados na Praza do Concello"

  1. Gamela   16/03/2017 at 17:48

    Hai que ver como tódolos partidos políticos a collen con papel de fumar… (non vaia a ser o demo!)
    Logo da demisión de Xavier Vence (onte) xa están rápidos a sacar novas “solidarias coa cidadanía” (son dóciles seguindo as consignas da súa xefa Ana Pontón!)

    É triste que teñamos que ACAMPAR un mes non só para que Abel reciba ao colectivo senon para que os Partidos Políticos siquera se tomen a molestia de Retuitear unha DENUNCIA GRAVE como é a situación INDECENTE dos Servizos Sociais en Vigo !!!

    Esto semella unha pelicula de Berlanga (Plácido 1961) na que buscaban un pobre para poñer na mesa do Nadal ? Semella que o BNG vén de atopar aos seus POBRES para facer Campaña Electoral ?

    Por qué levan un mes CALADOS ?
    https://twitter.com/Gamela2017/status/840982198924775429

    Son tan HIPÓCRITAS coma os da Marea de Vigo !!!

    https://twitter.com/Gamela2017/status/836715665713213456

    Pódese COMPROBAR !