O BNG demanda que o Concello abra un Centro Cívico no barrio do Calvario

A fronte nacionalista propón que se instale no actual centro de especialidades da Dobrada, en proceso de desmantelamento polo Sergas.
Publicado por o día 26/10/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG demanda que o Concello abra un Centro  Cívico no barrio do Calvario

O BNG demandou que o centro de especialidades anexo ao centro de saúde da Dobrada, e que está previsto deixe de ter actividade proximamente, se destinen á instalación dun Centro Cívico Municipal para o barrio do Calvario. Así o propuxo publicamente o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, durante unha rolda de prensa decorrida esta mañá ás portas do centro de especialidades. Otero, que estivo acompañado de veciñanza do barrio, defendeu a idoneidade desta proposta de cara a corrixir a “grave carencia de dotacións públicas que ademais de permitir o uso e recreo da veciñanza, ofrezan servizos de tipo social, cultural ou veciñal”, lembrando que outros barrios da cidade xa contan cun centro cívico municipal.

A proposta nacionalista demanda que o futuro Centro Cívico inclúa entre os seus servizos un auditorio de tamaño medio, unha ludoteca, espazos multiusos, unha sala de ensaio para grupos musicais, un espazo xuvenil, unha sala de exposicións e un centro municipal de internet. Ademais demandan que albergue unha Oficina municipal de distrito, que permita a realización de xestións e recibir información municipal, e tamén que sexa sede dun centro de información dos dereitos das mulleres.

Para viabilizar este proxecto, Otero urxiu o Goberno municcipal a tomar a iniciativa e negociar co Sergas e Seguridade Social a cesión dese espazo. En opinión das nacionalistas trátase “dun inmoble amplo e ben localizado no barrio que é de titularidade publica, o que só exixiría que o Concello acordase a súa cesión como xa lograron outras entidades no caso do antigo centro de especialidades de Coia”.

A proposta, que é unha iniciativa do Grupo de barrio do BNG do Calvario, encádrase dentro da aposta do Bloque por “un Vigo pensado para as persoas”. “Queremos unha cidade deseñada para a satisfacción das necesidades e o desfrute da veciñanza” explican, lembrando que a peonalización e humanización da rúa Urzaiz foi realizada durante a alcaldía nacionalista de Lois P. Castrillo. “O Calvario precisa dun novo impulso, que aposte en dinamizalo e en ampliar a súa oferta de servizos”, explican.

Rolda de encontros

A fronte nacionalista anunciou que para “empurrar desde abaixo” esta proposta iniciarán de inmediato unha rolda de encontros con colectivos sociais e entidades do barrio, que teñen intención de principiar nos pŕoximos días coa Asociación Veciñal do Calvario.