O BNG presentou esta mañá en rolda de prensa as emendas parciais formuladas á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2018 relativas a Vigo. Na comparecencia, na que interviron o deputado nacionalista, Luís Bará, e mais o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, denunciaron que o Partido Popular “continúa a virarlle as costas a Vigo”. As emendas formuladas suporían aumentar en 27 millóns de euros o investimento da Xunta na cidade olívica, e concéntranse no emprego, na reactivación industrial, nos servizos públicos, no medio ambiente e na cultura.
“Estamos diante duns orzamentos claramente insuficientes para Vigo e a súa área, que obvian cuestións fundamentais para a cidade e por iso desde o BNG presentamos emendas por importe de 27 millóns de euros para facer de Vigo o motor económico e de emprego de Galiza”, explicou Luís Bará.
A promoción do emprego, nun contexto marcado por un paro elevado e un retroceso importante na ocupación (10 mil postos de traballo menos que en 2009, segundo a última EPA), o BNG aposta pola reactivación industrial da cidade e da súa comarca. “Vigo ten que ser industrial ou non será. “Temos todas as condicións para ser un verdadeiro motor industrial e económico, que xere valor engadido e que garanta emprego con condicións e salarios dignos”, defendeu Serafín Otero. Neste sentido, as emendas do Bloque propoñen destinar 2.499.151€ á posta en marcha dun centro de reparacións navais, a implementación dun plan de reindustrialización focado aos sectores estratéxicos de investigacións (e en especial a automoción) dotado con 3 millóns 350 mil euros, ou a creación dun Centro metropolitano para o Impulso Tecnolóxico con 2.284.300€.
A cuestión ambiental merece dunha importante atención para a fronte nacionalista. Desta maneira, diante dos brutais efectos da vaga incendiaria, propoñen destinar 4 millóns de euros para a recuperación das zonas afectadas polos lumes na comarca de Vigo. Aliás, demandan outros 2 millóns de euros, destinados á rexeneración integral da ría de Vigo.
Para reforzar e alargar os servizos públicos que se prestan na cidade, o BNG propón a construción dun novo centro de día para maiores na cidade (200 mil euros), e de dúas novas escolas infantís nos barrios do Calvario e Navia (200 mil euros cada unha). No relativo á sanidade pública, ademais de reiterar a necesidade de rescatar a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro para garantir que sexa cento por cento público (44 millóns de euros), demandan o acondicionamento da contorna do novo hospital (300 mil euros) e a apertura de dous Puntos de Atención Continuada nas contornas de Navia-Coia e Teis (2 millóns de euros), co obxectivo de desconxestionar as urxencias hospitalarias e reforzar a atención primaria.
Para reverteren o déficit infraestrutural resultado do “abandono sistemático por parte da Xunta”, en palabras de Serafín Otero, as emendas nacionalistas recollen investimentos por importe de 2 millóns de euros para o desenvolvemento da Cidade do Mar, de 3 millóns de euros para a construción do túnel de Xulián Estevez, e mais outros 3 millóns de euros dentro dun Plan galego de transporte público por estrada e transporte marítimo de ría.
Por derradeiro, a cultura continúa a ser, en opinión das nacionalistas, “unha das principais asignaturas pendentes do Goberno galego, especialmente na nosa cidade”. En relación a esta cuestión, o BNG demanda aumentar a achega da Xunta á Fundación do MARCO en 200 mil euros adicionais, aumentar a achega ao Centro de Arte Fotográfica de Vigo en 100 mil euros, e dotar con 150 mil euros un Plan de dinamización do Verbum. Aliás, demandan que se constrúa unha biblioteca pública no barrio de Teis (600 mil euros) e que a Xunta destine 1 millón 200 centos mil euros a un Plan de melloras dos colexios públicos de Vigo.
“Estas emendas deixan en evidencia dúas cousas. Unha, que o Partido Popular continúa a deixar de lado os vigueses e as viguesas, e outra, que o BNG ten un compromiso rotundo en favor do desenvolvemento desta cidade”, resumiu Serafín Otero.
Noticias de última hora en Vigo