O BNG demanda unha nova regulación da venda de prensa escrita e revistas para frear o feche de quiosques

O deputado Luís Bará aposta por un novo marco legal que poña fin ás prácticas monopolistas das empresas distribuidoras que afogan os e as vendedoras de prensa.
Publicado por o día 10/04/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG demanda unha nova regulación da venda de prensa escrita e revistas para frear o feche de quiosques

O BNG vén de presentar no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que avoga por unha nova regulación comercial para a venda de prensa escrita e revistas. A iniciativa, que foi explicada en rolda de prensa polo deputado Luís Bará, recolle as demandas do sector dos quiosques e dos e das vendedoras de prensa. A fronte nacionalista aposta por poñer fin ás prácticas monopolistas das empresas distribuidoras, que afogan os quiosques con condicións “abusivas”.

En Galiza hai 2.600 puntos de venda de prensa escrita e revistas. Na cidade de Vigo hai arestora 200. Nos últimos anos botan o feche, de media, cen quiosques por ano. Na cidade olívica xa desapareceron 1 de cada 3 quiosques. Estes datos, explicados polo responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manuel Caride, visan a situación “crítica” que atravesa o sector da venda de prensa escrita. Unha crise, que os e as quiosqueiras imputan ás práctica monopolistas que exercen as empresas distribuidoras e que lles impoñen condicións abusivas e claramente prexudiciais que ameazan a rendibilidade dos seus negocios. “O que queremos é acabar con ese monopolio. Queremos unha distribución libre que nos permita vivir do que vendemos”, defendeu Lola Estevez, representante dos e das quiosqueiras que compareceu publicamente canda Bará e Caride. Estevez, expresou o agradecemento do sector ao BNG “por ter atendido as nosas demandas e darnos voz” e deu conta da campaña de recollida de sinaturas que iniciaron hai varias semanas para apoiar a iniciativa parlamentar nacionalista.

Nova regulación

O deputado nacionalista, Luís Bará, criticou que se manteña unha regulación caduca que se remonta a 1972 e que perpetúa, na práctica, unha “situación de monopolio e dominio, claramente desfavorábel para os puntos de venda por causa das condicións abusivas que se lle impoñen”. Bará, lembrou que “a prensa escrita e as publicacións periódicas son un dos soportes de maior importancia na difusión social da información”. “É por iso a súa distribución comercial ten implicacións que van moi alén do plano estritamente mercantil, ao incidir, polo anterior, no exercicio efectivo dun dereito fundamental recollido expresamente no ordenamento legal vixente”, acrecentou.

Na iniciativa parlamentar descríbense os abusos denunciados polo sector. Entre eles salienta a ausencia de contrato entre a industria distribuidora e os puntos de venda, o que os somete á “imposición de modificacións arbitrarias” que teñen de ser aceptadas forzosamente polos vendedores e vendedoras baixo ameaza de corte de subministro. Engádese a exixencia de fianzas abusivas, a mudanza unilateral dos prazos de devolución dos exemplares non vendidos, a non atención de incidencias e reclamacións ou a utilización tácita dos puntos de venda como almacéns ao servizo das distribuidoras. Aliás, os quiosques terían de asumir tamén os custes de transporte.

Na procura de resolver esta situación, o BNG propón que o Parlamento de Galiza inste ao Goberno galego a demandar do Goberno español “a regulación da relación comercial entre empresas editoras, empresas distribuidoras e vendedores/as de prensa escrita e revistas, atendendo as súas particularidades, co obxectivo de resolver a situación descrita anteriormente, poñendo fin á conflitividade derivada do abuso de posicións de dominio e prácticas de tipo monopolista que se producen no sector”.