O BNG demandará no Parlamento galego o desbloqueo da Área Metropolitana de Vigo

O deputado nacionalista, Luís Bará, presentou unha proposición non de lei chamando a recuperar o consenso, solicitando á Xunta a retirada do contencioso-administrativo e exixindo que se execute o convenio de transporte co Concello de Vigo.
Publicado por o día 31/01/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG demandará no Parlamento galego o desbloqueo da  Área Metropolitana de Vigo

A fronte nacionalista critica que a “lea partidista” entre PSOE e PP estea a paralizar unha “ferramenta estratéxica” para a vertebración e desenvolvemento territorial.

O BNG tomou a iniciativa para urxir no Parlamento galego que desbloquee a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo (AMV). A través dunha proposición non de lei, o deputado nacionalista Luís Bará, chama a recuperar o consenso entre concellos e Xunta que permitiu a modificación da Lei da Área Metropolitana. A fronte nacionalista insta tamén ao Goberno galego a retirar o recurso contencioso-administrativo que interpuxo contra a constitución da AMV. En relación a incorporación efectiva de Vigo no plan de transporte metropolitano, o Bloque defende que se garanta a mesma tarifa para todas as persoas usuarias “con independencia do seu concello de procedencia”, para o que exixe de Concello e Xunta que acorden unha solución ao conflito aberto a respeito do seu financiamento.

Luís Bará cualificou o enfrontamento institucional que provocou o bloqueo da AMV de “espectáculo absolutamente lamentábel”, criticando que se utilicen as institucións para “vetar e boicotar a constitución da Área Metropolitana de Vigo que custou tanto esforzo poñer en marcha”. Un comportamento que cualificou de “moi grave” por conculcar un principio básico como é o de “respeito e cooperación institucional”. En opinión do deputado nacionalista o comportamento do Partido Popular nesta cuestión responde á situación de “absoluta debilidade” que teñen na cidade de Vigo, e que procuran resolver a través da “utilización partidista” do Goberno galego.

Consenso

Pola súa banda o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, que compareceu esta mañá en rolda de prensa canda Luís Bará e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, defendeu que “diante do conflito aberto debe recuperarse o consenso o antes posíbel, e PSOE e PP deben procurar o acordo e a cooperación”.

Otero cualificou a AMV de “estratéxica”, lembrando que “cando o BNG promovemos hai moitos anos a creación da Área entendiamos que era algo moi importante para a cidade pero tamén para os concellos limítrofes, en beneficio da veciñanza”. No entanto, alertou de que para que a área sexa unha realdiade efectiva é necesario recuperar o consenso. “A Área Metropolitana só pode existir sobre un grande consenso”.

“As leas partidistas entre PSOE e PP están botando por terra moitos anos de traballo e están frustrando moitas esperanzas a respeito de que a Área sexa unha realidade”, denunciou. Para Otero a solución ao impass actual “non pasa nin pola xudicialización, nin polo bloqueo institucional, só pasa polo diálogo”.

Transporte metropolitano

Pola súa banda a alcaldesa de Moaña, e integrante da Xunta de Goberno Metropolitana, Leticia Santos, visou a legalidade e lexitimidade da constitución da AMV e lamentou a actuación da Xunta que, na súa opinión, só procura paralizar a súa posta en marcha.

Preguntada a respeito do litixio en relación da inexecución do convenio asinado entre Concello de Vigo e Xunta para a incorporación da cidade olívica no Plan de Transporte Metropolitana, Santos recoñeceu que existen dúbidas sobre a “interpretación do convenio”.

No entanto, desde o BNG reiteraron que é urxente que Vigo se incorpore ao transporte metropolitano e que se garanta unha mesma tarifa para todas as persoas usuarias, con independencia do seu concello de orixe, para o que instan a Xunta e Concello a acordar unha solución para o financiamento.