O BNG denuncia que o Ministerio de Xustiza está enviando expedientes sancionadores a militantes nacionalistas que participaron no acto de protesta contra a farsa de inauguración das obras inacabadas da ampliación da ponte de Rande, -protagonizada polo presidente do Estado e polo presidente da Xunta, Raxoi e Feixóo-, co único obxectivo de facilitar que AUDASA incrementase as peaxes da AP9.
A día de hoxe, resulta evidente que a apertura dos novos accesos de Rande foi precipitada co único fin de beneficiar á concesionaria, -a costa da seguridade dos traballadores e dos propios usuarios-, dando a AUDASA luz verde para subir unhas peaxes que o Bloque considera unha estafa legalizada, e que se aplican nun país que ten os segundos salarios máis baixos do Estado. De novo o PP, con Feixóo á cabeza, se coloca do lado da multinacional en lugar de defender os intereses dos e das galegas, permitindo que a concesionaria siga facendo caixa e prestando un servizo de terceira, como queda plasmado nos milleiros de denuncias que acumula.
O Bloque xa anuncia que recorrerá estas multas e considera o mundo ao revés que sexan sancionadas as persoas que denuncian unha inauguración fraudulenta e mesmo ilegal de obras inacabadas, cando o que debería facer o Goberno central e a Xunta é pedir explicacións a empresa executora da obras e a AUDASA e, como mínimo, paralizar calquera incremento nas peaxes
Noticias de última hora en Vigo