BNG denuncia que o Goberno español continúa a soster con cartos públicos o fugado Juan Carlos de Borbón

Néstor Rego considera inaceptábel que o Goberno do Estado siga protexendo a corrupción dos Borbóns e defendendo a anacrónica e corrupta Casa Real. O deputado nacionalista presentou varias preguntas escritas no Congreso para que o Goberno explique o custo para as arcas públicas da estadía de Juan Carlos de Borbón nos Emiratos Árabes.
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de BNG,Política

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, acaba de preguntar ao Goberno español, a través dunha iniciativa parlamentaria, por que Patrimonio Nacional, organismo público dependente do Ministerio de Presidencia, está a asumir o custo do persoal que asiste Juan Carlos de Borbón como axudas de cámara na súa nova residencia nos Emiratos Árabes Unidos tras a súa fuxida do Estado español ao se faceren públicos os distintos escándalos financeiros que se lle atribúen.

O BNG considera inaceptábel que o Goberno do Estado continúe protexendo a corrupción dos Borbóns e a anacrónica e corrupta Casa Real. Néstor Rego salientou que aínda nesta cuarta feira (13 de xaneiro) o PSOE, partido maioritario do Goberno, vetou a creación dunha Comisión de Investigación en sede parlamentaria para a abordar o uso das tarxetas opacas polo Borbón, a pesar de contar co informe favorábel dos letrados da Cámara.

Aliás Rego criticou que o Goberno defenda que Juan Carlos de Borbón manteña o título de Rei de forma vitalicia, “sen lles importaren os maletíns con millóns de euros, as tarxetas opacas, a evasión de impostos, as fundacións off-shore, e o resto de prácticas corruptas que nos últimos meses saíron á luz e que foron realizadas tamén desde a Xefatura do Estado”.

O deputado Néstor Rego quere saber, a través da iniciativa parlamentar, cal é o custo para as arcas públicas da estadía de Juan Carlos de Borbón nos Emiratos Árabes, que conceptos están a sufragarse con cargo a fondos públicos e a canto ascenden incluíndo o mantemento, estadía e desprazamento de todo o persoal que o asiste. Segundo o que parece, estaríase a pagar con cargo aos orzamentos do Estado o salario dos tres axudantes, persoal de libre designación contratado por Patrimonio Nacional que se vai organizando por quendas. Asume, así mesmo, os gastos de viaxe e estadía en Abu Dabi a través do pago de facturas por eses conceptos. “Debe lembrarse que o Borbón dispón ademais ao seu servizo dun séquito que inclúe persoal de seguranza que tamén é sufragado con cargo a fondos públicos” subliñou.

O BNG denuncia que ademais da asignación directa á Casa Real, cifrada para os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 en 8,5 millóns de euros, o que supón unha suba de 6,9% respecto ás contas anteriores, moitos dos gastos da Coroa cóbrense por outras partidas. Rego sinalou que do “Ministerio de Facenda depende o parque móbil, as viaxes oficiais páganse desde o Ministerio de Exteriores, o Ministerio de Interior e o de Defensa asumen o custo da seguranza, e Patrimonio encárgase das retribucións do persoal da Casa Real e do mantemento dos inmobles que utiliza a Familia Real”. En conclusión, o custo real da Institución da Coroa é maior do explicitado na partida denominada “Casa Real”.

En todo o caso, o deputado do BNG salientou que, para alén do inadmisíbel da colaboración do Goberno en pagar con cartos públicos a fuxida de luxo do Borbón corrupto, o verdadeiramente anacrónico é o mantemento dunha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia como é a monarquía. Rego reiterou a posición do BNG favorábel a romper co réxime monárquico e camiña para Repúblicas democráticas e soberanas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.