Dende a organización nacionalista saen en defensa da veciñanza de Trasmañó, ao denunciar que non existen compromisos reais para a ampliación da ponte de acceso á parroquia dende o Alto da Encarnación. “Parécenos unha reivindicación lóxica e xusta, da veciñanza que tén que sufrir a cotio unh acceso en precario, onde os peóns son os primeiros afectados”. Recordan que mesmo houbo un acordo plenario, demandando esta infraestructura.
Dende a organización nacionalista, consideran que ante a inminencia do remate das obras, non existen garantías de compensacións para as dúas parroquias máis afectadas por unha ampliación “calamitosa”, como son Chapela e Trasmañó. Acusan ao goberno de Javier Bas, de crear unha Comisión de Seguemento, “que únicamente servíu para desgastar ao movemento asociativo, e evitar conflictividade na rúa. Agora vese o resultado de que estiveron a xogar coa veciñanza”.
Consideran que as declaracións dende o goberno municipal en resposta ás demandas veciñais, “obedece á estratexia de acalar calquera movemento reivindicativo veciñal, marca da casa do goberno de Javier Bas”, afirmando que volven a darlle as costas a demandas lóxicas.
Pola súa parte o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, afirma que a situación “seméllase ao que sucedeu co remate das obras do AVE, cando este goberno renunciou a negociar con Fomento compensacións no Val do Maceiras, e agora tén que pagar a Senda polo río e accesos a Negros”.
“Esgótase o tempo de Javier Bas en Chapela. As obras están a piques de rematar, e non existe ningún tipo de compensación, como a ampliación da ponte de Trasmañó, ou a urbanización do Camiño Igrexa en Chapela”, afirma o concelleiro nacionalista.
Despois de varias consultas o concelleiro nacionalista afirma,”que os técnicos municipais descoñecen que exista ningún compromiso firme ou inicio de obras, por parte de Fomento. Todo o que se poida dicir dende o goberno de Javier Bas carece de garantías”.
Dende o BNG, consideran necesaria unha movilización social das parroquias de Chapela e Trasmañó, para que se lles compense pola Ampliación. “Tal como se demostrou coa construcción do colexio de Igrexa, únicamente a presión na rúa pode conseguir que Fomento compense ás parroquias e a particulares por unha obra que non vai solucionar a accesibilidade á cidade de Vigo”, rematan na súa nota dende o BNG.