BNG e Bloco de Esquerda forxan unha alianza para impulsar os proxectos ferroviarios estratéxicos para Galiza e Portugal

Crease un grupo de traballo estable das dúas formacións para actuar de lobby ante os respectivos gobernos, cun novo cumio en Porto en febreiro
Publicado por o día 14/12/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

BNG e Bloco de Esquerda forxan unha alianza para impulsar os proxectos ferroviarios estratéxicos para Galiza e Portugal

O Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda celebraron hoxe en Vigo o seu primeiro cumio galego-portugués co obxectivo de promover unha alianza estratéxica en defensa dos intereses comúns de Galiza e Portugal. As delegacións ao máximo nivel, estiveron presididas pola portavoz nacional, Ana Pontón, e pola coordinadora nacional do Bloco, Catarina Martíns.

Pese ao amplo contido da axenda, o encontro estivo centrado en tres proxectos estratéxicos de conexión ferroviaria para o transporte de mercadorías e de persoas: a conexión ferroviaria Vigo-Porto, o Corredor Atlántico de Mercadorías con Europa e o Eixo Atlántico de Mercadorías Ferrol-Sines,  infraestruturas que ambas forzas consideran prioritarias para o desenvolvemento económico e social, ganar en competitividade e para xear riqueza e emprego.

Para impulsar eses tres proxectos BNG e Bloco, explicou Pontón,  “acordamos crear un grupo de traballo estable e promover unha alianza estratéxica entre Galiza e Portugal que actúe como lobby para defender estes proxectos claves para non perder o tren do futuro, aproveitando ademais o financiamento extraordinario que supón o fondo de reactivación Next Generation”.

“E para iso sumamos forzas nun polo atlántico que exerza influencia e actúe de contrapunto a un centralismo que ameza con deixarnos fora da primeira velocidade, reforzar un polo atlántico para defender os intereses comúns de Galiza e de Portugal ante o deseño centralista das infraestruturas que impulsa o Estado español e tamén ante a inacción do Goberno galego cun presidente da Xunta sen iniciativa que, na práctica parece compartir ese deseño radial madrileño”, salientou Pontón.

Ambas delegación entraron ao detalle dos tres proxectos ferroviarios que se consideran estratéxicos. A conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, para tecer unha gran área metropolitana entre ambas cidades e para iso, a infraestrutura máis urxente na parte galega é a coñecida como saída sur de Vigo, tanto para a liña convencional, -que permitiría ter unha conexión de cercanías do século XXI-, como de cara a conexión co futuro AVE. “Son 30 quilómetros, pero a súa modernización suporía un salto de xigante para conseguir unha mobilidade sustentable e para a cohesión económica e social entre Vigo e o Norte de Portugal”, explicou Pontón.

En segundo lugar,  o Corredor Atlántico de Mercadorías que debe conectar Galiza e Portugal co resto de Europa. “Fundamental e non pode quedar relegado fronte ao Corredor Mediterráneo por parte do Estado español, -advertiu-, non imos permitir dúas velocidades para ambos corredores no que saiamos perdendo e por iso urxe facer de contrapunto á aposta política e orzamentaria a favor do mediterráneo”.

E como terceiro proxecto estratéxico, o Eixo Atlántico de mercadorías entre Ferrol e o Sines de norte a sur  de Galiza e Portugal, que facilitaría un dinamismo económico e social sen precedentes entre os dous países en beneficio de ambos.

Inacción da Xunta

Pontón criticou a falta de iniciativa do Goberno do PP, pois máis aló dunha relación protocolaria, “Feixóo non estableciu ningunha alianza estratéxica co país veciño en tres anos pese a presidir o grupo de traballo da eurrexión desde 2017. “vemos máis iniciativa no Goberno portugués que no español e no galego, e consideramos un paso adiante a aposta do Executivo luso polo eixo ferroviario Lisboa-Porto-Vigo, ignorando as presións para priorizar Lisboa-Madrid”.

Composición das delegacións

A delegacións estaban integradas na parte galega pola portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado provincial responsable de asuntos transfronteirizos Uxío Benítez, a deputada e portavoz de Ordenación do Territorio, Alexandra Fernández; a deputada e portavoz de Comercio, Carmela González e polo deputado e portavoz de Infraestruturas Luís Bará. Ademais do portavoz municipal en Vigo, Xabier Pérez.

Na parte lusa, ademais de Martíns, a deputada á Assembleia da República  e integrante da Comissao  de Economía e Obras Públicas, Isabel Pires; o deputado e presidente da Comissao de Ambiente, Energia e Ordenamento do Territorio,  José María Cardoso; e José Soeiro, deputado e membro da Comissao de Trabalho e Segurança

O BNG conta con 19 escanos no Parlamento de Galiza, e  Bloco de Esquerdas con outros tantos representantes na Assembleia da República de Portugal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.