Dentro da campaña de celebración do Día da Patria Galega de 2018, o Bloque Nacionalista Galego ten previsto realizar un intenso programa de actos na comarca e moi especialmente na cidade de Vigo. A III edición da ‘Semana da Patria Galega en Vigo’, organizada conxuntamente por BNG e Galiza Nova, encetará este domingo cunha visita guiada á Illa de San Simón dan man do deputado no Parlamento Galego, Luís Bará. A Illa de San Simón ten un valor cultural, histórico e natural extraordinario, ao que se suma o seu gran valor simbólico como espazo da memoria histórica galega por ter sido escenario da represión franquista entre 1936-1943, e por ter sido tamén un lugar de loita pola liberdade, de solidariedade e de resistencia democrática fronte ao fascismo.
A esta actividade sumaranse a realización de actos tanto en Vigo como nos concellos da comarca. Estes actos consistirán en accións simbólico-reivindicativas, repartos na rúa animando á participación na manifestación do 25 de Xullo en Compostela, así como charlas ou encontros de confraternización.
Ademais este ano cúmprese o 50 aniversario desde que o nacionalismo retomase a celebración do Día da Patria, feito este que se conmemorará cunha proxección-coloquio en Vigo onde interverán persoas que participaron na mobilización de 1968 o vindeiro mércores 18 ás 20:00h na Libraría Andel.
Todas estas actividades coas que a formación nacionalista quere poñer en valor o carácter nacional en Galiza e apostar na autoestima colectiva como pobo, enmárcanse dentro da campaña nacional deste ano polo Día da Patria que, baixo o lema “Sumar por Galiza”, está a desenvolver o BNG por todas as comarcas do País.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.