BNG e Galiza Nova traballarán conxuntamente para relanzar o nacionalismo entre xente moza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e o Secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández afirmaron que, tras as pasadas eleccións autonómicas produciuse unha grande incorporación de xente moza a ambas forzas nacionalistas e que traballarán conxuntamente nesta liña para seguir incrementando a participación da mocidade no nacionalismo
Publicado por o día 26/01/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

BNG e Galiza Nova traballarán conxuntamente para relanzar o nacionalismo entre xente moza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e o Secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández afirmaron que, tras as pasadas eleccións autonómicas produciuse unha grande incorporación de xente moza a ambas forzas nacionalistas e que traballarán conxuntamente nesta liña para seguir incrementando a participación da mocidade no nacionalismo.

Trala reunión entre membros da Executiva nacional do BNG e a dirección de Galiza Nova,  Ana Pontón afirmou que  a realidade laboral en Galiza rexistra  “un alto nivel de desemprego e unha elevada taxa de emigración”, realidade que  evidencia a grande precariedade e falta de calidade no  emprego no noso País, modelo, remarcou,  que o BNG rexeita.

A precariedade no emprego tamén mostra a desigualdade social, “os ricos cada vez son máis ricos e os salarios dos traballadores cada vez menores”. Galiza, insistiu a portavoz nacional do BNG precisa “doutra estratexia para crear emprego de calidade” e para iso, precisamos  “do control dos nosos recursos e impostos”. Ana Pontón criticou que o Goberno galego sega defendendo  que imos na boa dirección porque, na súa opinión, “os datos constatan unha realidade moi diferente” a que nos tenta “vender o Partido popular”.

Pola súa parte, o Secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández recalcou que tras as pasadas eleccións autonómicas produciuse “unha grande incorporación de xente moza” ao BNG e a Galiza Nova interesada no nacionalismo como “solución aos seus problemas do día a día e do pobo galego”.

GALIZA NOVA ANUNCIA CAMPAÑAS CONTRA A LOMCE, PRECARIEDADE LABORAL E EMIGRACIÓN DA MOCIDADE

Fernández anunciou que Galiza Nova iniciará campañas locais dirixidas á mocidade sobre emigración e precariedade laboral. Neste sentido, dixo, a mocidade galega é a máis prexudicada nestes ámbitos polo que resulta necesario emprender medias estruturais e diferentes así como seguir loitando por un ensino público e de calidade “derribando a LOMCE e o 3+2” e farémolo “apoiando a folga e mobilizacións en todas as cidades galegas o vindeiro do 16 de febreiro”.