BNG, EH-Bildu e Esquerra presentan unha candidatura as Europeas en defensa dos dereitos nacionais e sociais

Pontón: “É unha aposta segura para todas as persoas que queremos máis Galiza noutra Europa posible, a das nacións sen estado, dos dereitos e das liberdades”
Publicado por o día 25/01/2019 na sección de BNG,Política

BNG, EH-Bildu e Esquerra presentan unha candidatura as Europeas en defensa dos dereitos nacionais e sociais

BNG, EH Bildu e ERC presentaron o acordo de coalición electoral aos comicios europeos que se traduce nunha candidatura conxunta que ten como obxectivos a defensa das liberdades, dos dereitos nacionais e sociais dos pobos e a loita contra a involución democrática. A capital galega acolleu esta primeira presentación pública, coa presenza da candidata Ana Miranda polo BNG, Josu Juaristi por EH Bildu e Diana Riba, por ERC.
A portavoz nacional, Ana Pontón, líder da forza política anfitrioa, destacou a importancia deste acordo para reforzar a voz de Galiza na Eurocámara.  “É un día importante para todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren seguir tendo voz propia en Europa para defender os intereses dos galegos e das galegas”, salientou.

Esta candidatura, recalcou, “dános visibilidade como nación e garante unha representación con capacidades reforzadas, sen supeditacións e cunha única lealdade: a que lle debemos á sociedade galega”.  “Vai garantir que o noso país continúe a ter voz propia en Bruxelas a través de Ana Miranda quen, dígoo con moito orgullo, fixo máis por Galiza que o resto de eurodeputados e eurodeputadas galegas xuntas. E aí está o traballo e aí están os resultados”, recalcou Pontón.

Agora Repúblicas é a denominación desta alianza electoral, que dá continuidade a unha longa tradición de colaboración entre as tres nacións, “diante dun españolismo que nos nega”. “Agora Repúblicas é a Galeusca do século XXI”, indicou a líder nacionalista, Nomenclatura que en cada territorio se plasmará nunha papeleta propia: “O 26 de maio, os galegos e as galegas van poder coller a papeleta do BNG encabezada por Ana Miranda para darlle a Galiza un escano propio en Bruxelas”.

A motivación da candidatura, recalcou Pontón, vai máis aló da conxuntura electoral, porque nace nun contexto de involución democrática ao que quere plantar cara: “É ao tempo unha man tendida desde as nosas nacións ao conxunto de cidadáns e cidadás demócratas e progresistas do Estado español cos que compartimos valores, principios e soños”.

Rebeldía e esperanza

“A pantasma da involución non só recorre unha Europa que queremos transformar. No Estado está impulsada por unha ofensiva españolista que alimenta un discurso de odio contra o diferente, que fala de ilegalizar ideas democráticas, que defende o supremacismo do castelán, que ataca a liberdade de expresión, a loita contra a violencia de xénero, os dereitos políticos, as liberdades públicas”, denunciou.

Agora repúblicas “é unha alianza que aposta por gañar a esperanza e responder desde a rebeldía, esta candidatura é a mellor aposta para toda as persoas que queren parar a involución democrática e o roubo dos dereitos e liberdades e, desde logo, é a aposta segura para as que queremos máis Galiza noutra Europa posible, a das nacións sen Estado, dos dereitos e das liberdades”

“Fronte ao roubo da democracia, fronte á ofensiva e a radicalización do españolismo e das dereitas, fronte á negación das identidades e dos dereitos políticos dos pobos e das nacións do Estado, dicimos Agora Repúblicas para unha sociedade xusta, solidaria, feminista, diversa e plural, que faga bandeira da convivencia, do respecto e dos dereitos e liberdades”, sintetizou Pontón.

Acordo estratéxico

Desde EH Bildu, Josu Juaristi destacou que as tres nacións representadas no acordo “comparten unha tradición e cultura de colaboración histórica ante un Estado español que non acepta o dereito a decidir libre e democraticamente o noso presente e o noso futuro”. É unha alianza que establece “un marco de coordinación e colaboración estable, inclusivo e aberto a sumar”.

Juaristi salientou que “a mellor forma de responder ao momento político que vivimos, máis ben que padecemos, é seguir sumando forzas soberanistas, reforzando a colaboración entre Galiza, Catalunya e Euskal Herria en termos de acción política, democracia e dereitos fundamentais, tanto ante Madrid como  Bruxelas, cóbado con cóbado con outras nacións sen estado”.

“Traballamos para mellorar o día a día das nosas cidadanías, para ofrecer solucións e alternativas, porque o que fagamos agora determinará o futuro das nosas nacións, así como o modelo de sociedade do que nos dotaremos. Tamén no  Parlamento Europeo loitaremos por sociedades xustas, solidarias, abertas, progresistas, feministas e democráticas, para defender e conquistas todos os nosos  dereitos como persoas e como pobos e este acordo estratéxico é un paso importante en esa dirección”, concluíu.

Solidariedade e colaboración

En nome de ERC, Diana Riba asegurou que neste momento “nos encontramos con dúas alternativas sobre a mesa, a do populismo autoritario ou ben a dirección que propoñemos desde a esquerda transformadora, é o que está en xogo o 26M”.

“Os nosos son precisamente tres proxectos políticos que defenden a liberdade e a democracia ante a regresión antidemocrática dos poderes do Estado, e por iso é oportuno recordar aquí que facer un referendo non é delito, que manifestarse non é delito, que manifestarse no é alzamento, que protestar non é un tumulto e que opinar non é ilegal”.

Ante esa regresión democrática, explicou Riba, as forzas desta coalición “optamos pola solidariedade mutua, pola cooperación e o traballo compartido en defensa da democracia e das liberdades das nosas respectivas nacións”, concluíu.

A candidata do BNG, Ana Miranda, pechou a presentación co compromiso de volver converter o escano do Bloque “no escano de Galiza”, e puxo como aval o seu “intenso” traballo na Eurocámara en defensa do país con temas como o accidente do Alvia, o saneamento das rías, a defensa do emprego industrial, a frota do xeito ou a defensa da devolución dos bens espoliados polo Franquismo.

Compromiso cos galegos e as galegas

“É unha honra formar parte desta coalición desde a que loitar contra o fascismo e en defensa sen fisuras dos valores democráticos, dos nosos sectores produtivos e dos intereses dos galegos e as galegas. Porque sabemos que se o BNG está, Galiza está”, proclamou Miranda.

“Son unha muller de palabra, perseverante e  tendes o meu compromiso de que así seguirei sendo nesta nova etapa de ilusión que comezamos, e tendes o meu compromiso de que desmontaremos, paso a paso, todas as mentiras do Estado, -en relación ao sinistro de Angrois-, sexan do goberno que sexan e caia quen caia. Igualmente, tendes o meu compromiso de que este seguirá sendo un escano galego”, recalcou.

Así, salientou, “en Europa seguirase falando dos temas galegos: pesca, agricultura, saneamento das rías e sector industrial, pero tamén defensa dos dereitos das mulleres, das persoas desfavorecidos do mundo e potenciando a relación con pobos irmáns”. “Non estou aceptando as cousas que non podo mudar, estou cambiando as cousas que non podo aceptar”, concluíu Miranda citando a Angela Davis.

O acto contou cunha ampla representación de cargos públicos, militantes e simpatizantes do BNG nunha presentación que abriu o intelectual e escritor, Suso de Toro, facendo un chamamento á “rebeldía” e un recoñecemento do traballo do Bloque a favor do país.

Comentar noticia

Your email address will not be published.