A parlamentaria do BNG, Noa Presas afirmou hoxe, a través dunha proposición non de lei sobre as perdas e deficiencias fiscalizadas polo Consello de Contas nas actividades do IGAPE, que este ente público debe estar ao servizo de Galiza e non ser “un burato negro” que desperdicia grandes cantidades de recursos públicos.
Na súa intervención, Presas explicou que o IGAPE é unha ferramenta para “apoiar todas as actividades que contribúan a mellorar o sistema produtivo galego, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento empresarial.” Polo tanto, unha ferramenta dunha alta importancia en calquera contexto, pero máis aínda nun momento de crise como a que estamos a padecer en Galiza. A luz dos datos que amosa o recente informe do Consello de Contas que fiscalizou as actividades do Igape nos anos 2011-2013, e en particular das axudas en forma de aval, “o IGAPE incumpriu os seus obxectivos e non fixo un uso adecuado dos recursos públicos nun momento de crise económica, contribuíndo a que o PP hipotecase o futuro do país”. Incumprimentos graves e con consecuencias para o noso tecido económico tanto polas perdas económicas xeradas como polo tempo perdido, recalcou a nacionalista.
Asemade, resaltou a importancia do traballo realizado polo Consello de Contas e afirmou que se o PP asumira as recomendacións que leva anos facendo o BNG sobre a urxencia de fiscalizar o IGAPE, “a situación que hoxe traemos aquí teríase corrixido”.
Neste informe, explicou, o Consello atopa numerosas deficiencias, tanto na estrutura como na actuación, “importantes perdas do Instituto no que atinxe a participacións en capital, préstamos e avais, como se relata na exposición de motivos.
Por outra parte, dixo, o Consello de Contas tamén sinala ausencia de información por e descoñecemento dos motivos que impediron o resarcimento das cantidades desembolsadas no relativo ao avais fallidos.
Ante estas deficiencias, o Consello de Contas propón no informe un conxunto de recomendacións para a súa corrección, como a adopción dunha nova regulación en materia de avais, avaliación máis precisa do risco que se asume coas operacións que se van garantir, esixir o pagamento das comisións con carácter anticipado e dunha soa vez, no momento da formalización dos avais, así como máis precaucións nas garantías.
A deputada do BNG concluíu a súa intervención demandando do IGAPE a adopción das recomendacións do Consello de Contas co fin de corrixir as deficiencias detectadas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.