O BNG esixe a retirada de simboloxía franquista no concello de San Cibrao das Viñas

Noa Presas levará ao Parlamento a retirada da placa adicada a Primo de Rivera
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de BNG,Política

O BNG esixe a retirada de simboloxía franquista no concello de San Cibrao das Viñas

O BNG ven de rexistrar no concello de San Cibrao das Viñas, a través do seu representante neste concello, Manuel Viriato, un escrito para que se retire a placa na honra de Primo de Rivera, que aínda permanece en Soutopenedo, concello de San Cibrao das Viñas. E que recentemente foi denunciada por activistas en defensa da memoria histórica.

A pervivencia deste tipo de símbolos poñen de manifesto a continuidade do franquismo na nosa sociedade, e tamén as actitudes de complicidade, connivencia ou pasividade que o permiten. Polo tanto, as institucións deben actuar ao respecto.

O escrito, que entrou en rexistro o 21 de febreiro no concello de San Cibrao das Viñas, insta á corporación municipal ademáis da retirada da placa, a promover no rueiro de San Cibrao a inclusión de nomes de persoas represaliadas polo franquismo para contribuír á súa memoria e a reparación de entre os 45 resultados de homes e mulleres que recolle o proxecto de investigación “Nomes e Voces” a respecto do concello de San Cibrao das Viñas, consultábel en http://vitimas.nomesevoces.net.

 O BNG PRESENTARÁ ESTA DEMANDA ANTE O PARLAMENTO GALEGO

Malia a aprobación en 2007 da lei de memoria histórica, seguen visibles inscricións franquistas ao longo do territorio galego. Para o BNG a retirada desta simboloxía antidemocrática é unha vella demanda social e política que segue pendente en moitos lugares do país e que urxe corrixir en aras da reparación democrática.

Razón pola que o BNG demandará no Parlamento Galego a retirada dos restos desta homenaxe franquista que resultan agresivos para a sociedade e que se retiren definitivamente das paredes das nosas rúas enaltecementos do fascismo.