BNG exixe á Xunta que rectifique e inclúa aos celadores e celadoras do hospital Montecelo na primeira fase de vacinación

Montserrat Prado leva ao Parlamento a discriminación do Sergas con este colectivo, excluído das vacinas administradas no complexo hospitalario

O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a incorporar no plan de vacinación da COVID desenvolvido no hospital Montecelo de Pontevedra ao colectivo de celadores e celadoras, logo de que este grupo de profesionais quedara excluído da administración da vacina neste centro sanitario.

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, advirte que as e os celadores forman parte do grupo de profesionais sanitarios que traballan en primeira liña e, polo tanto, “teñen maior risco de exposición por levar a cabo actividades de atención directa de pacientes con coronavirus, igual que o resto de colectivos que si foron vacinados”.

Neste sentido, Prado lembra a recente denuncia deste colectivo pola discriminación sufrida, pese a que na primeira fase da Estratexia de vacinación do Goberno galego non se establece ningún tipo de diferenciación entre profesionais e só se establece “persoal de primeira liña no ámbito sanitario”. Así, subliña que durante os catro días nos que se estiveron administrando as vacinas unicamente se incluíron 24 celadores e celadoras dos arredor de 350 que traballan nos hospitais Provincial e Montecelo.

A deputada engade que, ademais, destes 24 profesionais, 20 pertencen ao Provincial, cando o hospital COVID de referencia é o Montecelo. Ao seu xuízo, a denuncia gana aínda máis xustificación ao constatar que o Sergas ten vacinado colectivos sen contacto con doentes, como é o caso do persoal de informática. “Esta discriminación -explica- vense sumar a unha longa lista, xa que no que vai de pandemia, non se lles entregaron EPIs e despois tampouco máscaras do tipo FPP2”, exemplifica.

Para Prado, “non hai absolutamente ningunha xustificación” para non vacinar ao colectivo de celadores e celadoras, polo que reclama ao Executivo galego que rectifique, “remate coa improvisación coa que está levando a cabo a campaña de vacinación” e proceda á subministrar a vacina a estas e estes profesionais, “tamén en primeira liña no ámbito sanitario”.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM