BNG exixe o Goberno unha alternativa de futuro nas Pontes antes do peche da térmica de ENDESA

O deputado Néstor Rego insta a convocar de forma inmediata a Mesa das Pontes para analizar o informe feito público pola empresa e consensuar as alternativas reais e viábeis que garantan a actividade industrial, o mantemento dos postos de traballo e unha verdadeira transición xusta para a comarca de Ferrol.

O Bloque Nacionalista Galego, ante o anuncio de ENDESA de pechar definitivamente a central térmica das Pontes, insta o Goberno español a dar unha solución industrial alternativa de forma urxente e que impedir o pechamento da planta sen antes garantir un futuro económico e industrial de toda a comarca de Ferrol e o mantemento dos postos de traballo.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, declarou que “o informe feito público por ENDESA no que considera inviábel utilizar como combustíbel na central térmica das Pontes a mestura de biocombustíbeis e carbón, supón que descarta unilateralmente e sen diálogo de ningún tipo prolongar a vida da instalación, confirmando o pechamento que xa anunciara en 2019”. O BNG móstrase preocupado desta decisión que afecta a máis de 2.000 persoas, “pois da planta dependen moitos outros postos directamente vinculados como son os transportistas de carbón, o persoal de empresas auxiliares, as e os traballadores do porto de Ferrol, e todo o tecido empresarial da comarca que dependen da actividade da central e da súa cadea de provedores” sinalou o deputado.

Néstor Rego critica que este anuncio “pon de manifesto o escaso interese que tanto o Goberno central como galego tiveron neste proceso, cando fai só unhas semanas desde as administracións seguía a falarse da viabilidade dos biocombustíbeis e a posibilidade de manter aberta a planta”. Ademais considera inaceptábel que pasaran máis de seis meses sen convocar reunión da Mesa de Futuro para As Pontes, na que participan a Xunta de Galiza, Endesa, o  Concello das Pontes, os portavoces dos colectivos afectados, os transportistas e os sindicatos, en representación dos traballadores auxiliares da central térmica galega. “Mesa coa que a empresa non contou antes de facer públicas as súas conclusións e a súa intención de peche definitivo” subliñou.

Por esta razón, o deputado Néstor Rego solicitou convocar de forma inmediata a Mesa das Pontes para analizar o informe feito público pola empresa e acordar as medidas necesaria para garantir a actividade industrial, o mantemento dos postos de traballo e unha verdadeira transición xusta para a comarca de Ferrol. “É máis urxente que nunca ofrecer un Plan de Transición Xusta real e efectivo para As Pontes, dotando á comarca dun proxecto industrial alternativo” destacou. Para a formación nacionalista o Goberno Central non pode consentir que ENDESA peche sen dar unha alternativa e debe garantir unha transición enerxética que permita manter a actividade industrial e os postos de traballo.

Rego lembrou que fai tan só uns días outra empresa,  SIEMENS- GAMESA, anunciou o traslado da súa planta das Somozas a Portugal, onde os seus custos de produción son menores, “o que sumado ao xa anunciado peche de ENDESA, que agora volve confirmarse, supón a total desindustrialización da comarca, pero desde o Goberno segue sen darse solucións concretas que o eviten” salientou.

“É máis necesario que nunca que de forma urxente o Goberno do Estado interveña para ofrecer unha solución de futuro para As Pontes e toda a comarca de Ferrol, que se comprometa con lograr unha verdadeira transición enerxética xusta” subliñou o deputado Néstor Rego.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM