BNG insta á Xunta a dotar do material preciso ao fútbol base, fútbol feminino e fútbol sala para poder celebrar as competicións

O deputado Daniel Castro reclama ao Goberno galego un inicio seguro das respectivas ligas dada a pandemia ou que as cancele se non pode garantilo
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Política,BNG

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a apostar de forma inequívoca pola práctica deportiva segura dotando de todo o material necesario aos clubs galegos de fútbol base, fútbol sala e fútbol feminino, sen que isto supoña custe algún para os mesmos, para poder desenvolver as correspondentes competicións con todas as medidas de seguridade sanitaria precisas no actual contexto de pandemia.

Así o reclama a formación nacionalista da man do seu deputado Daniel Castro, quen lembra que os cambios nos protocolos sanitarios, os desacordos entre clubs e federacións e a dificultade inherente de organizar as competicións no medio dunha situación epidemiolóxica sen precedentes levaron a que o comezo das ligas e campionatos estivese cargado de polémicas.

Se ben consciente do marco sanitario que estamos a vivir, o Bloque considera non obstante que existiron e existen unha serie de decisións e comportamentos por parte do Goberno galego e das federacións deportivas que non se poden admitir. Neste sentido, Daniel Castro cre que, no caso do fútbol galego, estase a dar un “total desprezo” aos clubs amateur. “Non entendemos a falta de atención aos mesmos, sabendo ademais que en moitas localidades rurais o equipo de fútbol do concello é unha das poucas actividades saudables e de ocio que se pode practicar ou consumir”, subliña.

O deputado nacionalista cualifica ademais de “indefendible” a presión e as obrigas ás que se someteron aos equipos de preferente galega, de primeira, segunda e terceira autonómica e ás diversas categorías de fútbol base de ligas galegas “ao dicirlles que se non daban o seu ‘si’ a competir nun período de 14 días e nun escenario totalmente incerto correrían o risco de descender”.

Neste sentido recorda que, por isto e outros moitos motivos, “unha inmensa cantidade de equipas galegas decidiron alzar a voz e agruparse para defender os seus dereitos” e negándose a competir “ao non darse as condicións necesarias para un comezo da competición seguro, sen riscos e coa viabilidade económica necesaria”. Unha situación que, segundo subliña, xa levou á Federación Galega de Fútbol, ao non contar cos clubs suficientes para iniciar as ligas, a cancelar as competicións da categoría autonómica.

Castro advirte de que no referido ao fútbol base, fútbol feminino e fútbol sala, “seguimos sen saber con certeza como se van levar a cabo as competicións, no medio da terceira onda COVID, polo que reclama á Xunta que garanta a seguridade nestas competicións e, no caso de que o propio Executivo galego non avalíe como 100% seguro o inicio das competicións, pase a cancelalas de xeito inmediato.