BNG insta o Goberno español a negociar a compra de todas as vacinas posíbeis, incluídas a rusa, a chinesa ou a cubana

Néstor Rego declarou que é un escándalo inadmisíbel que as grandes empresas farmacéuticas especulen coa saúde e a vida das persoas e destacou que a estratexia levada a cabo pola Unión Europea de limitar as compras ás ‘vacinas OTAN’ está a demostrar ser insuficiente e ineficaz, tal e como evidencia o ridículo número de doses distribuídas e que haxa que ralentizar ou mesmo parar as vacinacións.
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de BNG,Política

BNG insta o Goberno español a negociar a compra de todas as vacinas posíbeis, incluídas a rusa, a chinesa ou a cubana

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha Proposición Non de Lei para instar o Goberno español a negociar a adquisición das vacinas necesarias para frear o avance da pandemia no Estado con independencia do lugar de procedencia. Cabe lembrar que o BNG xa o reclamara no pasado mes de setembro por medio doutra iniciativa en que pedía ao Goberno español que explorase todas as alternativas posíbeis para garantir o acceso a un número suficiente de vacinas contra a COVID-19 para a inmunización da poboación de forma rápida e áxil. “Lamentabelmente o tempo e os feitos viñeron a darnos a razón”, salientou Rego.

O deputado nacionalista denuncia que a compra das vacinas está máis condicionada por factores xeoestratéxicos que sanitarios, pois a pesar de existiren múltiplas opcións, a Unión Europea limita as súas adquisicións a laboratorios do espazo OTAN, o que resulta incomprensíbel no actual panorama de desabastecemento. “En canto as grandes empresas farmacéuticas especulan coa saúde e a vida das persoas ao negociar cantas doses envían a cada país e a que países, os Estados dobréganse aos intereses xeoestratéxicos e xeopolíticos, mesmo á custa de ver medrar o número de vítimas da COVID, antes que negociar as adquisición de vacinas con outros países alleos á esfera da OTAN” salientou.

A estratexia levada a cabo pola Unión Europea está a demostrar ser insuficiente e ineficaz, tal e como evidencia o ridículo número de doses distribuídas. Rego destacou que “a cantidade de doses enviadas por Moderna é residual e xa se están producindo atrasos nas entregas de Pfizer que repartirá menos viais tras cambiar o criterio sobre as doses que inclúe cada vial”. Pola súa banda, AstraZeneca anunciou, mesmo antes da súa autorización, que enviará 60% menos de doses das contractualmente comprometidas no primeiro trimestre de 2021.

Rego sinala que este comportamento das grandes farmacéuticas é inadmisíbel e a situación inasumíbel e lembra que moitos países -incluída Hungría, que fai parte da UE- están administrando con éxito a vacina rusa Sputnik 5. “Mesmo a chanceler alemá, Angela Merkel declarou recentemente estar disposta a negociar a vacina rusa para loitar contra la pandemia, polo que resulta incomprensíbel o acatamento cego do Goberno español ás erradas políticas da Unión Europea ao respecto”, subliñou Rego.

O deputado nacionalista considera ademais “censurábel que, na actual situación de pandemia en que é necesaria unha solución global, o Estado español votase no pasado mes de novembro en contra da liberación das patentes das vacinas contra a COVID19 como defendían a práctica totalidade dos países de Asia e do Terceiro mundo”. Esta decisión, evidentemente, fortalece  a posición da grande industria farmacéutica especulativa en lugar de priorizar o interese social e sanitario do conxunto da humanidade. Esta medida reduciría os custos e permitiría unha produción máis áxil, lembra Néstor Rego.

Neste sentido, o BNG solicita ao Goberno español deixar de lado os criterios políticos e xeoestratéxicos e priorizar a axilidade e eficacia da vacinación canto antes, polo que o insta a negociar a adquisición doutras vacinas alternativas como é o caso da rusa Sputnik-V, a chinesa ou a Soberana 2 cubana.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.