O BNG lamenta que o conselleiro de industria non ofrezca ningunha solución para garantir o futuro de Maderas Iglesias

Luís Bará recriminou ao titular de Industria “non ter feito ningunha xestión” para garantir a viabilidade e postos de traballo da empresa, pese a recibir un aval da administración pública
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de BNG,Política

O BNG lamenta que o conselleiro de industria non ofrezca ningunha solución para garantir o futuro de Maderas Iglesias

O deputado do BNG, Luís Bará preguntou hoxe ao goberno polas xestións realizadas dende o 17 de outubro do 2017 para garantir a continuidade da empresa Maderas Iglesias na zona sur da provincia de Pontevedra e lamentou que despois de tres meses, “a Xunta non fixera nada”.

O parlamentario, tras saudar aos representantes dos traballadores e traballadoras presentes no debate na tribuna de convidados explicou que Maderas Iglesias, é “unha empresa punteira no sector da tarima flotante”, que contou con máis de 800 traballadores e traballadoras. Na actualidade, reduciu o seu cadro de persoal a 250 persoas e factura 16 M€ e aínda así, recalcou, segue sendo unha das empresas máis importantes do sector no sur da provincia de Pontevedra. Bará engadiu que a maioría do cadro de persoal está ocupado por mulleres.

O deputado salientou que a empresa someteu ao colectivo de traballadores a sete EREs, dous procesos concúrsaas e vulneración de dereitos laborais durante os últimos 8 anos ata chegar a “esta situación crítica” coa ameaza dun Ere Extintivo e “manobras do empresario descapitalizando a empresa, vendendo bens a prezo de saldo a familiares e facendo desaparecer a maquinaria e material”. O parlamentario cualificou de “grave” que mentres todo isto acontecía, a Xunta permanecera “inmóbil e ausente”.

O nacionalista aludiu á recente aprobación “por unanimidade”, á instancias do BNG, dunha proposición instando ao goberno galego a realizar accións necesarias ante a dirección de Maderas Iglesias para “garantir a continuidade da empresa, manter o emprego e velar polos dereitos laborais” e despois de tres meses dese acordo parlamentario, vostedes, afirmou , “non fixeron nada en todo este tempo”.