O BNG lamenta a falta de consenso nos nomeamentos de vigueses distinguidos

A fronte nacionalista critica a concesión do galardón a persoas e entidades representativas da privatización de servizos públicos.
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG lamenta a falta de consenso nos  nomeamentos de vigueses distinguidos

A corporación municipal, cos votos de PP e PSOE, acordou a concesión da distinción de vigueses distinguidos deste ano ao empresario José Silveira e aos colexios concertados Acacias e Montecastelo.

Para o BNG esta decisión é a todas luces desafortunada pois supón un recoñecemento do sector privado fronte ao público en cuestións tan sensibles como a sanidade e a educación.

En palabras do responsábel local do BNG, Serafín Otero “o galardón de vigueses distinguidos deberiase outorgar a persoas e entidades cuxa labor social estexa obxectivamante contrastada e consensuada”.

No caso do empresario José Silveira hai que lembrar que é o propietario do Hospital Policlínico POVISA, centro médico caracterizado pola represión sindical e por ser o máximo expoñente da sanidade privada en Vigo a conta dun concerto coa Xunta de Galiza que vai en detrimento da sanidade pública.

Por outro lado, os colexios concertados Acacias e Montecastelo representan un modelo educativo retrógado que pratica a segregación por sexos con axudas públicas. A concesión do galardón a estes dous centros educativos chega nun momento en que a comunidade educativa estase a manifestar masivamente exixindo a derrogación da LOMCE e en defensa dun ensino público, galego, laico, non patriarcal e de calidade.

Por último, dende o BNG queremos parabenizar ao resto de galardoados e galardoadas deste ano pois acreditamos nos méritos que os fan merecentes de tal galardón.