O BNG leva á Cámara o incremento da desigualdade das mulleres que se plasma en salarios e pensións

Pontón confía que no segundo intento por acadar a transferencia da AP9, “o PP non volva traizoar a Galiza e vote en Madrid o mesmo que aquí”
Publicado por o día 28/02/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG leva á Cámara o incremento da desigualdade das mulleres que se plasma en salarios e pensións

Pontón confía que no segundo intento por acadar a transferencia da AP9, “o PP non volva traizoar a Galiza e vote en Madrid o mesmo que aquí”.

Suspensión das oposicións e deslocalización na automoción centran as outras iniciativas nacionalistas no próximo pleno.

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou un pleno “social e laboral” especialmente centrado no aumento da desigualdade que afecta ás mulleres, que se traduce en salarios e pensións máis baixas, situación que será obxecto da pregunta que a dirixente do Bloque realizará ao presidente da Xunta na sesión de control ao Goberno.

“A brecha de xénero segue moi presente en Galiza”, salientou Pontón, onde 37.200 mulleres quedaron sen emprego desde o inicio da crise e 18.200 mozas menores de 24 anos deixaron de ser poboación activa tras emigrar. A discriminación deriva en peores salarios, -346€ menos ca media dos homes-, e pensións igualmente máis baixas, -593€ fronte a 939€ dos xubilados varóns-.

“Queremos saber que diagnose fai o Goberno e que medidas vai adoptar con carácter estrutural para garantir o emprego ás mulleres, evitar a emigración xuvenil e suprimir a brecha salarial que discrimina ás traballadoras”, salientou Pontón, quen tamén avanzou que o grupo parlamentario do Bloque fará un paro simbólico de 30 minutos no próximo pleno coincidindo coa celebración do 8M, “para protestar e visibilizar esta discriminación laboral”.

Igualmente, o BNG defenderá un marco galego de relacións laborais como mellor mecanismo para salvagardar os dereitos dos e das traballadoras.

Pontón fixo referencia ao segundo intento do Parlamento para reclamar a transferencia da AP9 a través dun novo texto lexislativo do que se suprimiron os puntos que o Goberno de Rajoy utilizou como argumento para vetar o debate no Congreso. “Esperamos que non se volva repetir o triste final da anterior tentativa, que Feijóo se faga respectar como presidente deste país e que o PP non volva traizoar a Galiza votando aquí unha cousa e en Madrid a contraria”, instou.

A portavoz nacional deixou claro que, para o BNG, a transferencia “é o primeiro paso” para acabar coa estafa legalizada das peaxes, e volveu pedir a Feijó que explique “como é posible que haxa miles de millóns para rescatar as radiais madrileñas, sen que iso desequilibre as contas do Estado, pero non haxa un euro para rescatar aos galegos e ás galegas do abuso do abuso das peaxes da AP9”.

Deslocalización

A situación do sector téxtil e do sector da automoción serán obxecto de debate a iniciativa do Bloque. No primeiro caso, unha actividade económica “moi feminizada” no que o emprego está baixo mínimos. No segundo, as consecuencias da deslocalización sobre un sector estratéxico para Galiza, que ten perdido 2.000 postos de traballo mentres o norte do país luso ganaba 6.000 empregos.

Tras a suspensión das oposicións no ensino, o BNG pide á Xunta “que se plante” ante a Madrid porque Galiza ten as competencias e ademais ten as contas de 2017 aprobadas, en lugar de sumarse “á chantaxe” que o PP quere impoñer no Congreso para sacar adiante os orzamentos do Estado. “Se a sanidade e ensino públicos de Galiza precisan máis persoal, que se contrate”, concluíu Pontón.