BNG pide a Feixóo que escoite á comunidade científica que reclama un confinamento de 15 días para frear a terceira onda

Rodil: “O goberno non pode agardar á semana que ven para tomar decisións.Urxen medidas duras pero necesarias”
Publicado por o día 24/01/2021 na sección de BNG,Política

BNG pide a Feixóo que escoite á comunidade científica que reclama un confinamento de 15 días para frear a terceira onda

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil tilda de “indignante e incomprensible” que a Xunta non adopte novas medidas contundentes para frear a terceira onda da Covid. Os datos de hoxe e das últimas semanas, explica a nacionalista constatan  que o virus está  descontrolado en Galiza e nesta situación non se pode agardar a semana que ven para tomar decisións, “urxe actuar agora” e a actitude do presidente e da Xunta, está a ser dunha “grande irresponsabilidade”.

O BNG pide ao presidente do goberno galego que escoite á comunidade científica que reclama un confinamento de quince días para frear a expansion do virus. Para a viceportavoz nacionalista resulta “inconcebible” a inacción do goberno ante o incremento da presión hospitalaria, como suben cada día o número de persoas contaxiadas e como se desbordan áreas sanitarias como a da Coruña. “Urxe actuar xa e facelo con contundencia e adoptando medidas duras pero necesarias”, recalca Rodil.

Dende o BNG, afirma insistimos en que todas as medidas que se adopten deben ir acompañadas de “axudas económicas para os sectores máis afectados pola crise da Covid 19”.

BNG insta novamente a realizar probas COVID19 ás granxas de visóns polo seu elevado risco sanitario e de dispersión da infección

O Bloque Nacionalista Galego instou de novo no Congreso a que se realicen probas masivas en granxas e poboacións de visóns, do mesmo xeito que xa realizaron outros países europeos, tras a constatación da zoonosis transmitida por visóns a traballadores e veciños e veciñas de granxas.

“Esta pandemia evidenciou a tremendamente dispar actuación dos Gobernos” manifestou o deputado nacionalista, Néstor Rego. Mentres Bulgaria, Polonia ou Francia realizan probas masivas nas granxas e nas poboacións próximas, o Estado español só se limita á realización de test se existen sospeitas de síntomas, algo perigoso se se ten en conta que os mustélidos, do mesmo xeito que os seres humanos, poden ser asintomáticos.

Por outra banda, o visón americano foi sinalado por organizacións e especialistas en ecoloxía e conservación en múltiples ocasións polo seu impacto ambiental e o seu efecto nocivo sobre a biodiversidade, desprazando ou devorando a especies autóctonas unha vez que se fuxiu das granxas peleteiras, circunstancia que se acreditou desde a década dos anos 60 do século pasado, pouco tempo despois da instalación da primeira granxa no Estado español. O BNG solicitou saber cantos fondos públicos estatais e europeos foron empregados na captura e/ou sacrificio de visóns americanos fuxidos ou xa establecidos no período 2009-2019 na Galiza.

“O seu impacto, neste novo contexto transcende do ambiental para converterse nun vector de transmisión da Covid-19, constituíndo un risco engadido para as poboacións periféricas e para a loita contra esta pandemia” sinalou Rego.

A formación nacionalista considera necesario aproveitar esta oportunidade con intelixencia, visión de futuro e pensamento ecolóxico, suxerindo que é necesario dar paso a un novo tipo de emprendemento que non se base nos malos tratos animais para o que será necesario que se especifiquen cláusulas de axuda tras o peche, a condición de que o novo emprendemento sexa amable cos animais e tendente á transición ecolóxica. “Debe lembrarse que en Galiza localízase a inmensa maioría das granxas peleteiras, ámbito no que Ministerio de Agricultura e a Xunta difiren sobre o número de probas de Covid-19 realizadas nestas instalacións, un exemplo da falta de interese por controlar posibles brotes en animais e traballadores” salientou o deputado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.