O BNG pide a dimisión da conselleira de Medio Rural polo “desprezo”aos afectados polas xeadas

Xosé Luís Rivas reclamou acelerar a avaliación, durante un mes, co fin de comprobar a recuperación total ou parcial dos cultivos, abrir liñas de axudas directas por superficie e quilos contemplando a todos os produtores afectados e establecer unha negociación coas compañías de seguros agrarios para adaptalos a realidade galega
Publicado por o día 24/05/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG pide a dimisión da conselleira de Medio Rural polo “desprezo”aos afectados polas xeadas

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas pediu hoxe a dimisión da conselleira de Medio Rural por afirmar que “aquilo que non é asegurable, non é subvencionable” respondendo desta maneira á petición de axudas dos afectados  polas  xeadas nas zonas vitivinícolas e na produción de noz, castaña e cereal.

Para o deputado, as afirmacións de Angeles Vázquez representan “unha burla” e  pretenden responsabilizar aos produtores por non ter subscrito un seguro  e sinalou que na zona de Monterrei hai 17 persoas con seguros agrarios polo que preguntou se a conselleira de Medio Rural “ten os pes na terra e de que agricultura nos está a  falar?” cando  algúns destes cultivos son un complemento ás escasas e cativas rendas agrarias nun  territorio que se eucaliptiza e e se compra  a baixo prezo por fortunas para explotacións intensivas. Falamos, reiterou, de pequenos ingresos familiares por mel, castaña, viño, noces e as “xeadas non tiveron contemplación”.

Ninguén da consellería de Medio  rural tomou en serio as demandas dos produtores e organizacións  agrarias que levan anos pedindo axeitar os seguros agrarios ás características  da actividade  do noso país. “Non  serven para nada” sentenciou Rivas  e ademais son  “excesivamente caros e con coberturas irrisorias”. A consellería debe lexislar de maneira “real” para os produtores da castaña, a pataca que están a pleno rendemento para conseguir ingresos complementarios as súas economías familiares.

O parlamentario destacou os problemas na colleita da castaña que  quedou reducida a cero en terras do Bolo e outras zonas produtoras ao que sumou o gran número de castiñeiros queimados, a apicultura que xa soportaba a presión da velutina e exceso de  efectos de fitosanitarios neurolóxicos que provocaban unha patente debilidade biolóxica, a pataca que quedou arrasada, o cereal. Está é a realidade e a resposta da conselleira e “falarnos de seguros agrarios”, ironizou.

Os danos que afectaron a zonas vitivinícolas tamén produciron perdas en noces, castañas e cereais e as perdas alcanzan entre o 50% e 100% e a conselleira ante os medios de comunicación declarou que “aquilo que é asegurable non é subvencionable” responsabilizando aos propios produtores por non ter subscrito un seguro. As afirmacións da titular de Medio Rural son “unha burla”  e unha mofa para os agricultores afectados polo que pediu a súa dimisión ou no seu defecto, “pedir perdón polas súas palabras”.

O deputado propuxo incluír na proposición non de lei un punto para acelerar “unha avaliación  durante un mes pra comprobar a recuperación total ou parcial dos cultivos. Abrir liñas de axudas directas por superficie e quilos afectados.Contemplar nestas  a todos os produtores afectados. Establecer unha negociación coas compañías de seguros agrarios para adaptalos a realidade do pais.

A proposta do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.