O BNG pide a Fomento que reactive o proxecto da saída sur do tren en Vigo para eliminar as vías do centro de O Porriño

Publicado por o día 06/10/2016 na sección de BNG,Política,Vigo

O BNG pide a Fomento que reactive o proxecto da saída sur do tren en Vigo para eliminar as vías do centro de O Porriño

O BNG reclamou hoxe a execución do proxecto da saída sur do tren en Vigo como solución ao paso do tren polo centro da vila de O Porriño. O portavoz do BNG en O Porriño, Pedro Pereira; o responsable local de Vigo, Serafín Otero; e o deputado electo Luís Bará, instaron ao Ministerio de Fomento a reactivar o proxecto -parado polo PP e o PSOE- e solicitaron que se descarten as propostas intermedias dos proxectos de Adif e Renfe, “que só perseguían consolidar o paso dos trens aumentando a súa velocidade polo centro do Porriño”.

A formación nacionalista apostou en rolda de prensa por unha solución global ás comunicacións por tren entre as distintas vilas da comarca de Vigo e do resto do país. En concreto, o portavoz local, Pedro Pereira, destacou que é preciso retomar o proxecto da saída sur de Vigo e a conexión do Porriño “cunha solución técnica que se expoña ao público para debater sobre ela e que propoña un soterramento da traza actual, nunca en superficie, ou unha variante que comunique parte sur de O Porriño e Redondela librando a zona urbana”.

“Reclamamos que Fomento poña partidas orzamentarias para o proxecto e a execución e marque prazos –asegurou-. Como grupo imos insistir en participar nas reunións que están solicitadas, xa que é o momento de traballar de cara o futuro. O paso a nivel divide en dous a vila e sabemos que a solución é complexa, pero hai que ir acoutando o tempo e esixir compromisos claros. Non basta un compromiso do PSOE e do PP a nivel local e que despois en Madrid miren cara outro lado. Ten pasado tempo suficiente para que PSOE e PP non xoguen…

E o BNG vai facer o seu papel para que esta demanda non morra”, finalizou.

Pola súa banda, o responsable local de Vigo manifestou que “non ten sentido que haxa unha estación de Urzáiz en Vigo que sexa un fondo de saco ou un caixón con moitas vías, pero que non da o servizo que entendemos que tiña que dar” e explicou que o BNG comparte a proposta do Eixo Atlántico de que exista un tren de alta velocidade que teña saída e enlace dende Coruña ata Lisboa.

“Neste momento o goberno de Portugal, a través do seu departamento de Infraestruturas, ten prevista a planificación de electrificación da vía para darlle máis rapidez e modernizala”, asegurou, para insistir que o goberno do estado español debe poñer as partidas orzamentarias da súa parte enriba da mesa. En canto á proposta técnica para levar adiante esa continuidade da vía ata Portugal, Otero sinalou a súa aposta polo túnel que estaba deseñado e que enlazaría a zona de Casablanca e remataría en Sárdoma.

Finalmente, o deputado electo Luís Bará transmitiu o apoio do grupo parlamentar do BNG á manifestación que está prevista mañá no Porriño para atender as demandas da vila en canto ás infraestruturas ferroviarias. Anunciou tamén que levará o caso ao Parlamento: “Nós xa o manifestamos en campaña: o tema do ferrocarril é un tema fundamental da nosa axenda política para esta lexislatura. Sobre esta zona e este trazado de vía xa dixemos que temos un tren do século XX circulando por unha infraestrutura do século XIX e iso está a crear importantes dificultades de operatividade, eficiencia e seguranza”, salientou.

Bará engadiu que o BNG vai solicitar que Galiza teña as plenas competencias en materia de ‘cercanías’. Así o Goberno do país podería xestionar un tren galego, potenciar todas as liñas de proximidade mediante o ‘galtren’ e tamén mellorar as infraestruturas de comunicación de Portugal, “que deben ser prioritarias, xa que son estratéxicas para mellorar as comunicacións de persoas e mercadorías”.

“Xa se perderon 10 anos dende que se empezou a falar do proxecto da saída sur de Vigo. É hora de poñelo sobre a mesa e consideralo unha prioridade, e o BNG, en todos os foros nos que estea presente, vai presentar unha proposta para apoiar esa iniciativa e a variante que permita conectar a O Porriño”, insistiu.

Responsábeis da paralización

Na rolda de prensa celebrada hoxe en O Porriño os dirixentes nacionalistas quixeron lembrar o proceso que viviu o proxecto de saída sur de Vigo durante os últimos anos. Sinalaron que en febreiro do 2007, co goberno do PSOE en Madrid, realizouse un estudio e a correspondente exposición pública no BOE do Proxecto do ‘Acceso Sur O Porriño – Vigo do Eixo Atlántico de Alta Velocidade’ que foi exposto nos concellos do Porriño, Vigo e Mos, así como nas dependencias do Ministerio de Fomento. “A día de hoxe o seu trámite está paralizado; primeiro polo PSOE no 2010, con Zapatero, e despois polo PP con Mariano Rajoy. Isto provocou que, na actualidade, no Porriño sigamos a padecer o paso a nivel no centro da vila”, subliñaron.

Pedro Pereira tamén fixo fincapé en que, se ben na actualidade parece haber unanimidade por parte de todos os partidos locais na reclamación do proxecto, desde O Porriño “tamén houbo compracencia e submisión do Goberno do PP local do señor Nelson Santos, pois nos plenos votaron en contra das propostas do BNG que solicitaban investimentos nos orzamentos do estado español para retomar o proxecto da saída Sur de Vigo”. “E tamén houbo submisión pola actual coalición de goberno do Porriño PSOE- UDDL, coa alcaldesa Eva García de la Torre, xa que na súa vista ao Ministerio de Fomento non pelexou pola eliminación do paso a nivel senón que aceptou un proxecto de soterramento das rúas Peña, Bos Aires e Progreso para que as persoas e os coches pasen por debaixo das vías do tren, permitindo así a consolidación do paso do tren en superficie polo centro do Porriño”.

A pesares desas críticas, Pereira aplaudiu a unanimidade á hora de participar na manifestación de mañá para reclamar a eliminación dos pasos a nivel e pediu que o traballo político local siga a ser conxunto no futuro.