O BNG, prantexa diversas iniciativas na bisbarra, “pola vaga de lumes e o futuro do rural”

Presentou iniciativas en Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos, ante unha situación que califican de “emerxencia nacional e incompetencia da Xunta”.
Publicado por o día 28/10/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Redondela

O BNG, prantexa diversas iniciativas na bisbarra, “pola vaga de lumes e o futuro do rural”

Ante a vaga de lumes que asolou grande parte dos tres concellos no fin de semana do 15 e 16 de outubro, dende a organización nacionalista prantexaron diversas iniciativas. “Enfrontamos ás políticas forestais da Xunta de Galiza de abandono do noso medio natural, apostando polo futuro do rural con políticas activas que teñen demostrado a viabilidade dos nosos montes.”

En Redondela, o BNG emendou unha moción do Partido Socialista, para incluír nos acordos que desde o concello se inste á Xunta de Galiza a executar unha política de desenvolvemento rural que reverta o abandono dos núcleos rurais e das explotacións agrarias e forestais e a acometer unha política forestal baseada no aproveitamento multifuncional do monte e na reversión do monocultivo de especies como o eucalipto.

O BNG considera que estas políticas forestais convertéronse no principal detonante incendiario, centrándose máis na extinción que na ordeación. “ E o goberno de Javier Bas, dálle as costas á veciñanza redondelá votando en contra destas propostas, que si foron apoiadas por todos os grupos da oposición”, critica o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González. E lembra ademais que, malia que xa se trata do segundo ano consecutivo que arden os montes de Redondela, o caos e a improvisación caracterizaron a loita contra o lume.

Na sesión plenaria de Fornelos de Montes a iniciativa do BNG non contou co apoio do alcalde socialista, cando, por tratarse dun dos concellos cunha poboación eminentemente rural, se incidía na necesidade dun mando único das actuacións, ademáis de profesionalizar o servizo de extinción, xunto ao mantemento ao longo do ano dos efectivos de prevención. O portavoz municipal, Xosé A. Freaza, interpretou a falla de apoio á proposta nacionalista, como un intento do alcalde de Fornelos de “restar importancia ás nosas iniciativas, para non perder protagonismo”.

Pazos de Borbén, un dos concellos máis afectados durante esta crise, onde o lume se mantivo activo ata tres días e onde se viviron situacións extremas en vivendas, empresas e terreos comunais e particulares, afirman dende o BNG local, “que os responsábeis da Xunta e do Partido Popular viñeron a lucirse mediáticamente, mentras que eran os veciños e veciñas quen se enfrentaba aos lumes, poñendo en risco a súa integridade física”. En escrito presentado no Concello propoñen que as axudas da Xunta para a limpeza de montes, se convoquen na primeira parte do ano, ademáis do fomento da plantación de especies autóctonas, que actuarían de barreira fronte ao lume.

Os representantes municipais do BNG lembran que as políticas da Xunta de Feijóo “convertéronse nas verdadeiras incendiarias ao eliminar o Banco de Terras, reducir as franxas de protección aos núcleos rurais, ou mesmo desmantelando o operativo de prevención de lumes cando se estaba en situación de risco de incendios”. E manifestan que seguirán “traballando a prol dunha explotación racional do monte como fonte de riqueza, substento do medio natural, e instrumento para asentar poboación no rural”.