O BNG pregunta no Parlamento polas obras no cauce do río Lagares en Cabral

O deputado nacionalista, Luís Bará, presentou unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno galego para determinar se Augas de Galiza autorizou ou coñece as obras e para demandar que se investiguen.
Publicado por o día 04/07/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG pregunta no Parlamento polas obras no cauce do río Lagares en Cabral

O BNG vén de presentar unha batería de preguntas no Parlamento galego a respeito das obras que se están a realizar no cauce do río Lagares na altura da parroquia de Cabral. A iniciativa do deputado Luís Bará, pretende esclarecer se a Xunta ten coñecemento dunhas obras nas que se están a “colocar pedras e saquetas en pleno cauce fluvial, alterando o seu curso natural e empregando maquinaria pesada”.

Desde a fronte nacionalista lembran que son históricos os problemas ambientais e agresións que padece o río Lagares. É por iso que advirte de que calquera actuación “que altere ou afecte o seu cauce constituiría un feito moi grave que exixía a intervención de Augas de Galiza paralizando a actuación e aplicando as sancións oportunas”.

No concreto, Bará interroga ao Goberno galego sobre se Augas de Galiza sabe da existencia desas obras, sobre se as mesmas contan coa preceptiva autorización. Aliás, o deputado nacionalista pregunta sobre que accións pensa adoptar a Xunta para garantir o mantemento do cauce do curso fluvial do Lagares e tamén sobre se a administración contempla aplicar medidas sancionadoras contra as persoas ou entidades que promoveron estas actuacións.

Abandono

Para o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, esta situación volve deixar en evidencia “o absoluto abandono que padece o río Lagares por parte da administración directamente responsábel, como é a Xunta de Galiza, pero tamén do absoluto desleixo e inacción do Concello de Vigo que olla para outro lado unha e outra vez diante das agresións contra o río”. Otero, volveu reiterar a necesidade de elevar o nivel de protección do río Lagares e defendeu a posta en marcha dun plan de recuperación e posta en valor do “máis importante curso fluvial da cidade e un dos seus principais corredores verdes”.