BNG presenta o proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 M€

Ana Pontón: “É un proxecto de país, con cargo os fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur”
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de BNG,Política

BNG presenta o proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 M€

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou na Coruña o Proxecto de Rexeneración Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 M€,  como proposta para ser financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos. A líder do BNG salientou que se trataba “dun proxecto de país que beneficia de cheo á economía real, a un sector produtivo estratéxico e de enorme repercusión en termos de empregos e de cohesión social de norte a sur”.

A proposta ten como obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, e recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e dixitalización, comercialización, e transformación do sector produtivo derivado das rías, explicou Pontón, quen avanzou que trasladará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación económica e social, para recabar o apoio das outras forzas políticas.

Trátase, indicou, dun proxecto en consonancia coas políticas definidas pola UE para obter fondos de recuperación. En concreto, encaixa en tres liñas prioritarias para acceder ás axudas: conservación e restauración de ecosistemas e da súa diversidade; preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos e transformación e dixitalización da cadea loxística do sistema agroalimentario e pesqueiro.

“O obxectivo é conseguir a recuperación ambiental integral e produtiva das rías para crear riqueza e emprego de calidade no complexo mar-industria. Todo acompañado da investigación científica oportuna e da transformación, dixitalización e comercialización da actividade marisqueira, e desde a colaboración público-privada”, explicou Pontón.

O Next Generation supón para o Estado 72.000 M€ a fondo perdido e a posición do  BNG articúlase en tres premisas: Galiza debe recibir un mínimo de 12.600 M€ deses fondos,  a xestión directa dos mesmos e que as axudas cheguen aos sectores máis impactados, ao tecido empresarial de pequenas e medianas empresas que sustentan o emprego e non ás multinacionais do IBEX.

As medidas no ámbito da recuperación ambiental supoñen o groso do investimento, pois absorben 950 M€ do total, e inclúen actuacións para suprimir todas as zonas C, aquelas nas que a contaminación impide o consumo do produto. Ademais, medidas para completar e modernizar a rede de saneamento en todos os concellos a carón das rías, esixencia que tamén deben cumprir as industrias.

“Trátase de evitar que chegue ao mar ningún tipo de contaminación biolóxica, química ou física. Lamentablemente, as 18 rías galegas, toda e cada unha delas, precisa de actuacións en materia de saneamento, en maior ou menor medida”, salientou.

Tamén se inclúe recuperar os espazos danados por obras públicas, en particular de infraestruturas portuarias, viarias ou industrias en desuso; a rexeneración dos fondos a través das necesarias dragaxes adaptadas a cada caso, e o control dos ríos como principal fonte de auga doce e de nutrientes esenciais para a produtividade marisqueira.

Consorcio de investigación

A investigación científica é a segunda pata do proxecto cun investimento de 59 M€ , pois  é a base para rexenerar e incrementar a produción das rías. Entre as medidas incluídas, a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co sector para dispoñer do maior complexo científico e tecnolóxico europeo de estudo e coñecemento do mar.

Igualmente, proxectos para a recuperación das zonas improdutivas ou de baixo rendemento,  plans de explotación, crear bancos de semente autóctona para bivalvos a  modo de granxas de produción de semente, desenvolvidas por un ente mixto conformado polo sector e pola Xunta. A investigación tamén pasa por un proxecto de control de doenzas e de especies invasoras así como pola  reciclaxe e aproveitamento dos refugallos de bivalvos.

Sociedade público-privada para a comercialización

En relación á dixitalización, transformación e comercialización, o proxecto propón unha sociedade público-privada para a promoción e comercialización que poña en valor o produto das rías, -marisco, peixe fresco, conserva e produtos transformados-, tanto dentro como fora do país. Tamén, unificar as lonxas, ampliar mercados e a posibilidade da venda directa.  Para estas medidas o proxecto suma un investimento de 29 M€.

“Presentamos un proxecto esencial para Galiza que permitirá aproveitar os fondos europeos para a reactivación económica e social, un proxecto capaz de contribuír a saír da crise da COVID, revalorizando a nosa riqueza produtiva nun para xerar emprego nun sector estratéxico”, concluíu, nun acto no que tamén interveu o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e coa presenza da deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, do deputado Nestor Rego, e da portavoz parlamentaria de pesca, Rosana Pérez.


DESCARGAProxecto para a Recuperación Produtiva das Rías Galegas.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.