O BNG presentou onte na CIG as bases democráticas coas medidas para mellorar o mercado laboral galego

Pontón atribúe a precariedade e a debilidade do emprego a situación de dependencia de Galiza no Estado e na UE. Reunión coa ODS de Coia one propón unha reformulación da RISGA
Publicado por o día 14/12/2017 na sección de BNG,Política

O BNG presentou onte na CIG as bases democráticas coas medidas para mellorar o mercado laboral galego

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou ante unha nutrida representación de delegados e delegadas sindicais da CIG en Vigo ás Bases Democráticas, proposta para avanzar na soberanía de Galiza, en particular as medidas relacionadas co mercado de traballo e co marco de relacións laborais galegos, lastrados pola relación de dependencia con Estado e coa UE, que solucionaría unha Galiza con soberanía.

Hai unha relación de dependencia, onde na práctica xogamos en moitos ámbitos un rol colonial e sufrimos a falta de soberanía”, indicou Pontón. Por exemplo, moita da infraestrutura industrial e financeira está en mans de capital foráneo, a fuga de 15.000M€ do aforro galego, espolio enerxético e de materias primas, limitacións dos sectores produtivos como o pesqueiro e agrogandeiro por decisións que veñen do Estado ou da UE.

Esta situación de dependencia explica en parte un mercado laboral precarizado, con índices de temporalidade do 26%, alto nivel de desemprego incluíndo o encuberto con miles de persoas que ingresan menos de 2.000€ anuais. Ao mesmo tempo, os salarios son dos máis baixos do Estado, pese a xornadas laborais efectivas de dez horas en moitos sectores.

A febleza crecente dos convenios colectivos debida as contrarreformas laborais e a centralización da negociación colectiva impón un modelo de relacións laborais marcado pola precariedade, a recentralización, a desregulación e a sobreexplotación.

Como antídoto, as Bases Democráticas recollen competencias plenas para Galiza á hora de establecer as relacións laborais, empezando porque sexa o Parlamento galego quen teña toda a responsabilidade en materia de lexislación laboral, social, fiscal e de planificación económica.

Entre as propostas concretas: SMI de 1.000€ ao mes en 14 pagas, promoción dunha política de rendas que favoreza a mellora xeneralizada dos salarios, redución da xornada laboral a 35 horas. Igualmente, fomentar a contratación estábel e a xornada completa, fixar unha porcentaxe máxima de contratos temporais nas empresas, garantir a subrogación dos e das traballadoras cando haxa continuidade na actividade.

Adoptar medidas para evitar os falsos autónomos, mellorar a protección por desemprego e a xestión plena do mesmo por parte da Xunta, e establecer un salario de inserción laboral para as persoas desempregadas sen ingresos.

No marco das relacións laborais, prevalencia dos convenios sectoriais galegos sobre os convenios de empresa e estatais, e mellorar as garantías para o traballador/a en caso de despedimento. O BNG tamén propón unha seguridade social galega que estará dotada dos recursos necesarios a través das cotizacións sociais de empresas e traballadores, da loita contra a fraude e dunha fiscalidade progresiva.

“Non é posíbel cambiar este modelo produtivo e de relacións laborais neoliberal, mentres que as decisións se tomen desde fora de Galiza”, salientou Pontón, na presentación das Bases Democráticas coas que o BNG quere avanzar na soberanía de Galiza deixando atrás o marco institucional da Constitución e do Estatuto herdados do réxime do 78.

Reunión na ODS de Coia

Previamente, Pontón, xunto cos responsables do BNG en Vigo, Serafín Otero e Manuel Caride, mantiveron un encontro na Oficina de dereitos sociais (ODS) de Coia, para intercambiar propostas en relación a situación de emerxencia e exclusión que afecta a 96.000 galegos e galegas en situación de pobreza severa, -con ingresos inferiores aos 330€-, e outras 151.000 con carencias materiais severas.

Milleiros de persoas en Vigo acoden a comedores sociais ou a redes de subministro de alimentos, indicaron neste encontro, e centos carecen de teito e malviven nas rúas. O incremento das desigualdades é tal que ter un emprego non garante evitar a pobreza.

Neste contexto, o Bloque propón un cambio no actual sistema de atención social, empezando por unha reformulación da RISGA para dar paso a unha Renda de garantía social que permita un mínimo vital. Ademais,  aplicar un Plan Galego de Inclusión Social, a creación dun Mapa Galego de Servizos Sociais ou a posta en marcha dun Plan de Emerxencia Social para Galiza.