O BNG propón que o Concello abra un Centro Cívico no barrio do Calvario

A fronte nacionalista suxire que se instale no actual centro de especialidades da Doblada, en proceso de desmantelamento polo Sergas.
Publicado por o día 07/07/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG propón que o Concello abra un Centro Cívico no barrio do Calvario

De cara a corrixir a “grave carencia de dotacións públicas que  ademais de permitir o uso e recreo da veciñanza, ofrezan servizos de tipo social, cultural ou veciñal”, o Bloque Nacionalista Galego vén de formular a proposta de que o Concello de Vigo abra no barrio do Calvario un Centro Cívico como os xa existentes noutros ámbitos da cidade.

A proposta nacionalista demanda que o futuro Centro Cívico inclúa entre os seus servizos un auditorio de tamaño medio, unha ludoteca, espazos multiusos, unha sala de ensaio para grupos musicais, un espazo xuvenil, unha sala de exposicións e un centro municipal de internet. Ademais demandan que albergue unha Oficina municipal de distrito, que permita a realización de xestións e recibir información municipal, e tamén que sexa sede dun centro de información dos dereitos das mulleres.

Para a instalación do Centro Cívico, o Bloque suxire a posibilidade de o facer no centro de especialidades da Doblada, anexo ao centro de saúde na rúa Faisán, que está en proceso de desmantelamento polo Sergas. En opinión das nacionalistas trátase “dun inmoble amplo e ben localizado no barrio que é de titularidade publica, o que só exixiría que o Concello acordase a súa cesión como xa lograron outras entidades no caso do antigo centro de especialidades de Coia”.

A proposta, que é unha iniciativa do Grupo de barrio do BNG do Calvario, encádrase dentro da aposta do Bloque por “un Vigo pensado para as persoas”. “Queremos unha cidade deseñada para a satisfacción das necesidades e o desfrute da veciñanza” explican, lembrando que a peonalización e humanización da rúa Urzaiz foi realizada durante a alcaldía nacionalista de Lois P. Castrillo.

Esta tarde, a partir das 19:30h, o BNG realizará un reparto informativo nas inmediacións do mercado do Calvario, coa distribución de 1.500 exemplares dun folleto explicativo. No texto chaman a toda a veciñanza do Calvario e ao seu tecido asociativo “a se sumar a esta reivindicación, co convicción de que pode contribuír a mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza do barrio e da súa contorna”. “Que o centro cívico do Calvario sexa unha realidade só exixe de vontade política e do compromiso do goberno municipal. Exixámosllo!”.