O BNG propón medidas contra a eucaliptización do monte galego

É preciso mudar o plan forestal con usos multifuncionais que aposte por paralizar a reforestación de terras agrarias, favoreza a agrupación da propiedade, potencie as madeiras nobres e impulsar a gandeira intensiva e silvicultura, indicou a nacionalista
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de BNG,Galicia,Medio Ambiente,Política,Vigo

O BNG propón medidas contra a eucaliptización do monte galego

No día internacional do Medio Ambiente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón propón “un gran acordo de País” para defender un monte galego, “vivo e con futuro”.

A portavoz nacionalista presentou hoxe ante os medios de comunicación unha bateria de medidas destinadas a valorizar o monte galego fronte a “fracasada” política forestal do Partido popular. Entre as medidas, destacou: unha ordenación real do territorio coa delimitación de agrario e forestal e prohibindo a forestación das terras agrarias. Recuperar o diálogo coas comunidades veciñais con titularidade do monte en Galiza co obxectivo de superar o modelo de convenios e o apoio de  novos proxectos baseados en diferentes usos do monte. Actuar contra a fragmentación do monte galego recuperando as UXFOR, crear unha cerficación forestal galega e pública e un plan de usos e aproveitamentos multifuncionais do monte, “onde gañen peso as madeiras nobres de árbores  autóctonas  e de calidade”. Pontón tamén reivindicou potenciar a gandeiría extensiva e o silvopastoreo ao que sumou as producións estacionais da apicultura ou cogomelos.

FREAR A EUCALIPTIZACIÓN

O Goberno de Feijóo criticou Pontón, insiste nunha “política fracasada e errática” centrada no monocultivo forestal como se o monte galego non dera para máis. O Partido popular palaralizou todos os cambios e avances que se iniciaran no período 2005-2009 “impulsados polo BNG” polo que reiterou  a necesidade de “paralizar as plantación de eucaliptos nitens e levantar o plantado de maneira ilegal”. Ademais reclamou “conxelar a extensión do eucalipto globulus, apoiar con incentivos fiscais as repoboacións con especies autóctonas do país, ampliar as franxas de protección de incendios en vivendas e vías urbanas e garantir o cumprimento da lei sobre plantacións, distancias, franxas de seguridade e prevención de incendios”.

Neste sentido, a portavoz do BNG insistiu en que o  Partido popular  desenvolveu   unha política forestal co principal criterio de “satisfacer as necesidades” de materia prima dunha empresa contaminante como é a pasteira ENCE, o que nos levou a ter unha gran parte do noso territorio arborado ocupado por plantación de monocultivo de eucalipto mentres no resto do Estado apostou por unha repoboación dos montes con especies autóctonas.

Malia as mudanzas históricas nas súas función e usos, o monte en Galiza, explicou a líder do BNG, sigue a ocupar un lugar relevante, con case  dous terzos do noso territorio, e entre 1’8 e 2 millóns de hectáreas de superficie forestal. Unha porcentaxe moi superior á de países e nacións do noso contorno, onde a situación é  inversa: “a superficie agraria utilizada é maioritaria fronte ao monte”.

O monte galego pasou de ser o soporte esencial do sistema agrario tradicional até comezos do século XX, a desempeñar outras funcións totalmente diferentes. Pero antes e agora o monte galego achega recursos e riqueza que non podemos desaproveitar. “O deseño e políticas que se aplicaron fixéronse de costas aos intereses do país, sen pensar no desenvolvemento endóxeno, e nas  nosas capacidades”. Foi planificado a medida das necesidades doutros territorios e dos intereses centralistas.

Para o BNG non se trata dun simple “problema de mercado”. É a consecuencia de políticas forestais importadas, que desvalorizaron o monte galego. Os efectos do abandono xa son evidentes, non só do punto de vista económico senón tamén ambiental en moitas comarcas do país. O Goberno de Feijoo no canto de atallar o problema dando continuidade a políticas baseadas no aproveitamento multifuncional do monte que se asentaron no período 2006-2009, “optou por volver ás políticas devastadoras do monte do pasado”.